Antón Reixa participará no Fisterra Blues para lembrar os 20 anos de Mareas Vivas

Antón Reixa tamén participará no Fisterra Blues nunha conversa que terá lugar na lonxa de Fisterra o próximo domingo 30 de xuño. Será como creador de “Mareas Vivas” nunha palestra titulada “A Costa da Morte diante do espello catódico: 20 anos de Mareas Vivas», na que tamén participará Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual e un dos guionistas da serie. 

Unha conversa arredor do maior fenómeno social da ficción galega. A primeira serie galega realizada en exteriores que supuxo un antes e un despois no audiovisual galego. A Costa da Morte pasou a ser a principal protagonista desta serie e con estes dous convidados (creador e guionista) queremos analizalo desde o punto de vista da identidade e de como se convertiu nun fenómeno autoreferencial.

O Fisterra Blues Experience regresa do 28 ao 30 de xuño nunha terceira edición na que haberá artistas internacionais como Rockin’ Johnny Burgin (EEUU) ou Morgane Ji (Illa Reunión); destacados membros da escena estatal como Los Deltonos, Tonky Blues Band ou Quique Gómez & Curro Serrano; e grandes do blues galego como Marcos Coll Band (residente en Berlín), The Soul Jacket,  Andhrea & The Black Cats, Willy & Winnie, Zeltia e Víctor Aneiros

Unha das estrelas desta edición será Marcos Coll, o galego agora residente en Berlín, líder de bandas como Los Reyes del KO ou The Mighty Calacas. E a Fisterra virá cunha banda internacional moi especial: Emiliano Juárez (México) á guitarra, Daryl Taylor (EEUU, baixo e voz) e Aine Fujioka (Xapón, batería). 

E a figura que virá do berce deste xénero é Rockin’ Johnny Burgin, un dos guitarristas e cantantes de blues de Chicago con maior recoñecemento en todo o mundo. Aquí estará acompañado pola Quique Gómez Band, con quen acaba de publicar o seu novo traballo, ‘Dos Hombres!’, disco gravado o ano pasado en Austin, editado polo prestixioso selo Vizztone.

Para acompañar a Los Deltonos (xa anunciados) na representación estatal, ofrecerá un concerto a Tonky Blues Band, un dos pioneiros da escena española, xunto con Quique Gómez & Curro Serrano, que ofrecerán un dos dous espectáculos no Barco Blues. 

A presenza galega será, coma sempre, importante. Alén de Marcos Coll e Víctor Aneiros (xa anunciado anteriormente), estarán os vigueses The Soul Jacket, que regresan con novo disco, ‘Plastic Jail’ (2018), no que reinventan a súa fórmula inimitable de Rhythm & Blues, Rock & Roll e Southern Soul. Tamén estará a banda compostelá Andhrea & The Black Cats co seu son que arrecende a Nova Orleáns; o dúo ferrolán Willy & Winnie, que transita do jazz ao rock, pasando polo folk e o blues; e Zeltia, outro dúo que nos trae folk-rock e blues mesturado con outros sons máis acústicos e tribais. Sen esquecer a Fisterra House Band, a nosa banda residente. 

Un mundo de descubertas

Alén dos concertos como formato clásico, o festival volve apostar por unha interesante programación con múltiples actividades, na que volveremos ter taller de baile con Compostela Swing, Blues na Escola, concertos en barco, jam sessions e máis actividades, como o pasarrúas dunha banda que xoga na casa, os Rapacollóns

Os nenos e nenas son un dos nosos públicos preferidos e para eles preparamos outra edición do Blues na Escola. Máis de 70 rapazas e rapaces xa están a participar nos cinco obradoiros arredor do blues en cinco centros docentes: dous de educación primaria, dous centros de educación secundaria e a Escola Municipal de Música de Cee. O proxecto está coordinado por Xabier Mera e Iván Arceo e tamén poderemos gozar cos seus progresos no propio festival, con máis obradoiros (desta volta abertos ao público) e un concerto. A iso engadímoslle un concerto didáctico tamén para toda a familia de Ubuntu Blues

Slam poética

Antes de cada concerto, a modo de previa, haberá unhas intervencións poéticas de autores da Costa da Morte. A idea é conectar a poética galega co blues por medio de lugares comúns, como poden ser a temática da que tratan: A nostalxia do tempo pasado, a perda, o amor, a terra, a morriña, a viaxe, etc… Un diálogo entre dous poetas, a modo de verso. Os poetas participantes son, por parellas. David Creus – Estevo Creus; Suso Bahamonde – Álex López; Rosalía Fernández Rial – Elena Busto; e Leo Kch – María Lado.


Ademais, dúas presentacións de libros, un concerto didáctico do harmonicista Emilio Arsuaga, unha homenaxe a Lazy Lester (lenda do blues que participou na primeira edición do festival e faleceu o ano pasado), e un Roteiro Sonoro pola vila da man do músico e escritor Xurxo Souto

A terceira edición deste Fisterra Blues Experience está organizada polo Concello de Fisterra, coa colaboración da Deputación da Coruña, e co patrocinio de Mahou e Pepsi. Tampouco sería posible sen a colaboración doutras empresas como Gadis, Kia Compostela, Centro Comercial de Cee, harmónicas Seydel, Hotel O Semáforo, Hotel Bela Fisterra e Pub Boulevard

Poden descargar vídeos, imaxes, mp3 e demais recursos aquí: https://bit.ly/2WLVdrs

Toda a información: http://fisterrablues.gal

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar