Simulacro de accidente no túnel de Oca, na Estrada

A subdelegada de Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asistiu aos operativos de traballo para o simulacro de accidente con incendio de vehículos, realizado no túnel de Oca da AP-53 no termo municipal da Estrada. Para iso, contou coa coordinación do Xefe de Demarcación, Angel González do Río e o Xefe das Estradas de Pontevedra, Pablo Dominguez.

Este simulacro é o primeiro que se realiza nesta autoestrada destas características, elixindo este túnel, en concreto, pola súa lonxitude e o seu formato en curva, tal como explicou aos medios, o propio González do Río. Maica Larriba explicou a importancia deste tipo de accións, regulados por lei, “tan necesarios para que todos os efectivos estean coordinados en calquera situación nas nosas estradas provinciais”.

Tal como quixo lembrar Larriba que “no que levamos de 2019, rexistráronse nas nosas estradas 11 accidentes mortais con 14 falecidos. Precisamente, unha das vítimas mortais foi na estrada EP-7017 da comarca de Tabeirós”. Respecto diso, tamén engadiu que nesta comarca producíronse, con datos consolidados de 2018, dous accidentes mortais, ambos relacionados con saída de vía e con vehículo agrícola, co resultado de tres falecidos. En relación a isto, a subdelegada de goberno quixo sinalar que “ no que vai de ano, sen ser datos consolidados, entre outros factores, a velocidade estivo presente en cinco accidentes mortais, as distraccións en seis e o alcol e drogas, en un”.

Por outra banda, e aproveitando que o simulacro se realiza nunha autoestrada, Maica Larriba quixo incidir en que “na AP-53 en 2018 producíronse 29 accidentes, rexistrándose dous feridos hospitalizados e sete leves. No que levamos de 2019, e con datos provisionais, levamos nove accidentes , cun ferido hospitalizado e oito leves”.

Nos traballos de emerxencia durante o simulacro participaron os efectivos comarcais de Bombeiros de Deza -Tabeirós, o GES da Estrada, o servizo 061 e a Garda Civil de Tráfico de Pontevedra e a Sala de Tráfico da DXT na Coruña. O sinistro recreado foi unha colisión entre dous vehículos no interior do túnel cun incendio posterior dun coche e a evacuación de dúas persoas feridas. Para elo usouse unha máquina para reproducir fume no interior e comprobar os sistemas de evacuación así como os equipos de respiración autónoma para os servizos de bombeiros e médicos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar