O PPdG non ten con quen aquelarse

O presidente Feixó ten moito quen lle escriba, pero o probe anda a laiarse de que non ten con quen pactar. Así as cousas, aínda que non remedie nada, decreta que ten que «gobernar a lista máis votada».

O presidente Feixó, ten moito quen lle escriba, e moito máis quen cale. Por iso é capaz de dicir unha e outra vez, coma rapaz enfurruñado ao que non lle fan caso os colegas: «deixen gobernar a quen gaña, xa está ben de que o PSOE poida gobernar cando perde e o PP non poida gobernar cando gaña».

O presidente Feixó xa está de campaña electoral en Galiza, por iso se inventa un «pacto do Tinell» a catalá, para espantar a lelos e ben pensados.

Ao presidente Feixó pouco lle importa que o caso Ourense lle bata na cara, pois seica non vai con el a cousa, por ser te- rra de Baltar e ser el quen decide e manda. O presidente Feixó esquece que, tanto el coma os seus compañeiros de Galiza, pertencen a un partido que se chama PP, do que forma parte da súa dirección e no que manda Casado.

O presidente Feixó sabe que, por España adiante, o seu partido non fai o que predica e, de gobernar a lista máis votada, nada. Comezaron por Andalucía e rematando por Madrid poden engadirlle ducias de cidades e autonomías. O PP de Casado fai e Feixó, loxicamente, cala. Aínda que haxa que pactar coa ultradereita de Vox, el que se declara centrista consumado.

É que, claro, Andalucía había que «rexenerala» e non van ter unha roxa na capital de España. E poida que non se lembre cando o seu presidente partidario afirmou no ano 2006 en TVE: «imaxinemos que o PSOE lle saca 52 escanos ao PP, e dous millóns de votos, entenderíase que bloqueen a Sánchez…».

O presidente Feixó, condena a todo aquel que negocie cos independentistas, aínda que che dean os votos a cambio de nada. Pero non lle importou que Ana Pastor presidira catro anos o Congreso co apoio implícito de ERC e JxCat.

Peor é aínda negociar con Bildu ou recibir os seus votos, como en Nafarroa, pero non pasou nada cando fixeron ao seu compañeiro Javier Maroto alcalde.

O presidente Feixó pensa que Vox merece un respecto pois os seus escanos pertencen a vontade popular. E os dos «populistas, podemitas e independentistas» a quen pertencen? Son fillos bravos?

Peor, moito peor é o de Ciudadanos, que sempre remata facendo o contrario do que promete. Escribe Le Monde: «xa non engana a ninguén». Eu entendo ao presidente Feixó, en política é moi duro andar polas eleccións sen ter con quen aquelarse, pero esquece o presidente Feixó que pacta non quen quere, senón que pode.

Por que será….?

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar