Rafa Vilar gaña o XVI Premio «Pura e Dora Vázquez» de Narración

O escritor coruñés Rafa Vilar (Cee, 1968), vén de gañar coa obra Os outros oficios (presentada baixo o lema “Clara Z”), o XVI premio de literatura infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado, que deu a coñecer a súa resolución trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, sinalou que a obra galardoada que se trata “dun texto excepcional desde o punto de vista literario, con moito coidado da prosa e con relatos que amosan un gran coñecemento da lingua”. Asemade o xurado explicou que se trata dunha obra “con gran potencialidade para públicos moi amplos, de fácil e agradable lectura, ademais de ser didáctica”.

Así mesmo, o xurado dixo que na obra Os outros oficios o autor fai “unha galería de retratos que mesturan ben o xogo imaxinativo e adáptase para ser ilustrada”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado agradeceu “o traballo feito” por tódolos autores presentados ao certame”

Ábrese agora o prazo para o XVI Premio “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración polo que, os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 2 de setembro de 2019. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Rafa Vilar. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.

O xurado da XVI edición do Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Isabel Mociño, actuando como secretaria a xefa da sección de Publicacións da Deputación, Ana Malingre.

Rafa Vilar (Cee, 1968). Filólogo e escritor. Vinculado ao asociacionismo cultural de base, foi un dos promotores do Batallón Literario da Costa da Morte e mais da colección de poesía Letras de Cal. Tamén participou na creación da editora dixital Retagarda Edicións. Forma parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Como poeta, publicou unha ducia de libros. Entre outros: A sotavento dunha singradura (1995); Casa ou sombra (1997, premio Cómaros Verdes); Días de sherazade (2000, premio concello de Carral); Escoración dos días (2007, premio Eusebio Lorenzo Baleirón); Migracións (2008, premio Cidade de Ourense); Erosións (2017, premio Victoriano Taibo); A cidade e a chuvia (2019, premio Selic Compostela). Así mesmo, como autor de poesía infantil publicou os libros Acuarelas (2009); Patente de corso (2012, premio Arume de poesía para nenos/as) e Animalario estrafalario (2013).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar