Gonzalo Caballero anuncia «a oposicion máis sólida» para Galicia

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, interveu ante o Comité Nacional para avanzar que desenvolverá “a oposición máis sólida e contundente”, enfocada a “construír a mellor alternativa” ao PP de Feijóo “para unha maioría social” de galegos e galegas.

Á vista de que os resultados dos tres últimos comicios fixeron aflorar unha maioría de cidadáns que en Galicia apostaron polas forzas progresistas, lideradas polo PSdeG, Gonzalo Caballero destacou que o partido está “preparado” para afrontar as eleccións autonómicas cando Feijóo decida convocalas.

“Unha nova Galicia falou nas urnas para dicir que a maioría quere progreso”, resaltou o líder do PSdeG, quen considerou superado ese estereotipo de que “Galicia é de dereitas”. De feito, aludiu ao “plus do socialismo galego” que, nas xerais, concretouse en catro puntos de apoio ao PSOE en Galicia por riba da media estatal.

En canto ás municipais, Gonzalo Caballero detallou que o PP queda fóra do goberno das sete cidades e das principais vilas de Galicia, ao tempo que carece de maioría suficiente nas catro deputacións. Centrado no caso de Ourense, pediu “un pacto pola rexeneración política”.

Ao fío diso, o máximo dirixente dos socialistas galegos sinalou a Ciudadanos que toca elixir entre “o caciquismo e o nepotismo” e “a rexeneración e o futuro”, e retou a Feijóo a ter “altura de miras” para “poñer fin á empresa familiar dos Baltar” na Deputación de Ourense.

“FEIJÓO É UN REI ESPIDO”

En clave galega, Gonzalo Caballero situou ao PSdeG como “a casa común do progreso” e asegurou que os socialistas “non gobernaremos contra ninguén”, senón buscando “que a todos nos vaia mellor”, porque “Feijóo nos deixa un país en peores condicións”.

“Menos poboación e máis envellecida, menos emprego, servizos públicos en peores condicións…”, enumerou o secretario xeral, consciente de que “Feijóo é un rei espido” ao que ninguén avisara de que ía sen roupa. Agora, en cambio, foi a cidadanía de Galicia a que llelo advertiu nas sucesivas citas coas urnas.

Aos seus déficits na xestión sumou Gonzalo Caballero o feito de que Feijóo “non exerceu” nesta lexislatura como presidente da Xunta, senón que “puxo Galicia ao servizo dos intereses do PP” tras botar “dous anos decidindo” se ía para Madrid ou quedaba. “Está no seu fin de ciclo, e sábeo”, sentenciou.

E, tras censurar os acordos entre PP e Vox que hoxe publican todos os xornais, recalcou que “o PP de Casado e de Aznar é o mesmo que o de Feijóo” pese aos seus intentos de “enganar” aos galegos sobre a súa conivencia coa ultradereita.

“HAI QUE ABRIR UN NOVO TEMPO POLÍTICO”

Por iso, Gonzalo Caballero avanzou que unha vez tome posesión do seu escano, seguirá percorrendo Galicia para “dicir aos galegos que hai un futuro distinto” e que é o tempo de “abrir un novo tempo político en Galicia”.

“Para construír a mellor Galicia”, finalizou o líder do PSdeG, non sen comprometer traballo “permanente e constante” para unha Galicia que “merece” un cambio da man “dunha alternativa na que os galegos poidan confiar”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar