A lingua, para falar

AS administracións públicas, as asociacións, as comunidades, as universidades, a Xustiza e os particulares teñen obriga de coñecer a lingua e de usala, falala e amala, sen máis palabras. Castelao dixo que o noso idioma era unha obra de arte superior ao Pórtico da Gloria e, a pesar desa súa inmensidade, require protección en cada instante. Así o din milleiros de persoas cada ano en manifestacións que cobren, como un manto colorido de seda e de alento, a xeografía total do país. Para o ano que vén haberá que repetir a xeira e reclamar novamente respecto para o idioma que temos, porque como escribiu Manuel María, Galicia somos nós: / a xente e mais a fala.

No marco da concordancia, moitos apostan, aínda que sexa un día ao ano, por empuxar o carro da normalización, por falar e escoitar falar en galego. Dende 1983, temos unha lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade e desenvolvida tamén de forma consensuada, pero os máis novos, os estudantes da maioría dos centros educativos de Galicia asisten ás clases enteiramente en castelán. Que pasa?

Parece evidente a necesidade da insistencia e perseveranza para que o galego non esmoreza, para que, pola contra, adquira máis vitalidade, para que sexa lingua de uso en tódolos campos e saberes. Temos u­nha lingua propia dende a idade media, nosa e de todos, de todos os que hoxe queiran usala. Explicábao moi ben Vázquez Portomeñe na Universidade de Oviedo, loando o proceso consensuado para a aprobación da lei de normalización lingüística. Os asturianos presentes, representantes políticos, autoridades académicas, membros de Iniciativa pol Asturianu, profesores e estudantes puxéronse de pé e aplaudiron ao exconselleiro. Foi o triunfo do galego, xunto ao de milleiros de manifestantes que reclamaban «liberdade, igualdade e xustiza».

A lingua é para falar e para entenderse, para andar polo mundo coa cabeza ergueita, con humildade e con sosego; para contar de onde vimos, onde estamos e para onde imos. É un símbolo de identidade de nós. Como dixo Xavier P. Docampo, «é o instrumento da alma do pobo», da cultura que marca a nosa forma de ser, de andar, de pensar e facer. Aí está. Si, señor ou señora!, somos galegos tamén polo idioma, polo Galego, ese enorme patrimonio noso, que merece todo o respecto e a máxima protección.

Xornalista

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar