Entrelinguas.gal, un proxecto sobre a diversidade lingüística, cultural e histórica de Galicia


 

O xurado da cuarta edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, decidiu premiar o proxecto Entrelinguas.gal, unha serie de reportaxes multimedia sobre a diversidade lingüística, cultural e histórica dos concellos galegos da autoría de Alejandro Vázquez Corral, Sara Barreiro Álvarez e Antonio Méndez Rodríguez.

Entrelinguas.gal consiste na realización dunha serie de reportaxes multimedia sobre un conxunto de concellos de Galicia onde se amosa, en primeiro lugar, as diferentes falas da comunidade e, en segundo lugar, a diversidade histórica, cultural (música, gastronomía, arte, etc.) e etnográfica na nosa terra. Os obxectivos do proxecto son, mediante mostras audiovisuais, contar a historia da Galicia “esquecida” e, en boa medida, “illada” por causa do éxodo rural; salientar as diferenzas lingüísticas da nosa terra e evidenciar a ampla diversidade cultural, histórica, musical, gastronómica, etnográfica e paisaxística de Galicia. Para conseguir todo iso, seleccionáronse 13 de menos de 3.000 habitantes que exemplifican as diferentes áreas dialectais de Galicia: Entrimo, Negueira de Muñiz, Moeche, Corcubión, Laxe, A Mezquita, Oia, Cervantes, Fornelos de Montes, Portomarín, As Nogais, Riós e Baleira.

O proxecto foi presentado por tres estudantes do cuarto ano de xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela: Alejandro Vázquez Corral, Sara Barreiro Álvarez e Antonio Méndez Rodríguez. Ademais da súa formación, Vázquez Corral é editor xefe no medio dixital deportivo Mundo Esférico e ten experiencia laboral na sección de Comarcas de El Progreso; Barreiro Álvarez ten interese pola fotografía, traballou na redacción de informativos da Televisión de Galicia e vai realizar prácticas na Axencia Galega de Noticias; e Méndez Rodríguez é graduado en Administración e Dirección de Empresas , traballou na redacción de ABC Galicia no verán de 2018 e no 2019 realizará as prácticas en La Voz de Galicia, dentro da sección de Cultura.

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.

Punto e volta, un proxecto multimedia sobre música e baile tradicional coordinado por Alejandro Gándara Porteiro; Mediamapa.gal, un mapa interactivo dos medios galegos elaborado por María Cruz Negreira Rey; Feira, unha idea de Laura Santos Esmorís e Jorge Vázquez Herrero para realizar un documental web interactivo sobre o papel da feira na Galicia actual, e Pícaros.gal, un medio de comunicación dixital en galego para os nenos e nenas de entre 7 e 11 anos de Sabela Direito Rebollal, foron os proxectos galardoados coa bolsa Nacho Mirás nas anteriores convocatorias.

O xurado estivo formado formado por Ainhoa Apestegui, Francisco G. Sarria, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Xoán Soler e Fernando Varela.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
xornalistas@xornalistas.com
www.xornalistas.gal

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar