A RAGC convoca o IV Premio Galicia de Xornalismo Científico

 A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, abre ata o 31 de xullo o prazo de presentación de candidaturas ao Premio Galicia de Xornalismo Científico 2019. 
O galardón, que alcanza a súa cuarta edición, recoñecerá con 4000 euros netos o mellor traballo de difusión da investigación científica publicado por un medio de comunicación entre o o 1 xullo de 2018 e o 31 de maio de 2019 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión.
Os xornalistas poden presentar ao certame –a título individual ou en equipo– noticias, crónicas ou reportaxes que teñan como tema principal calquera aspecto relacionado coa ciencia desenvolvida en Galicia: achádegos, difusión do labor de grupos ou centros de investigación, posibles aplicacións dos resultados da investigación, casos de éxito de transferencia de resultados ao mercado, etc. 
O proceso de presentación de candidaturas –aberto a partir de hoxe– é totalmente telemático, a través dun formulario electrónico dispoñible nas webs da RAGC (ragc.gal) e de GAIN (gain.xunta.gal), onde tamén están publicadas as bases.
A entrega do premio terá lugar o 8 de outubro, durante o acto no que se celebra o Día da Ciencia en Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar