A Feira Abanca Semana Verde pon en marcha unha nova edición en Silleda

A 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre mañá as súas portas coa presenza de 725 expositores directos de 12 países que ocupan unha superficie neta de 19.468 metros cadrados. A este total de entidades súmanse 336 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 26 países.

Estas cifras supoñen un 6,1% máis de expositores directos que en 2018, cando foran 683, unha cantidade final que varía das 710 empresas sinaladas inicialmente en 2018 debido a que estaba previsto que tiveran presenza criadores participantes nun evento canino que finalmente non seu celebrou. Tamén aumenta o número de países representados, tanto polos expositores directos, xa que na pasada edición procedían de 7 países, como polas firmas totais, pois foran de 20.

En canto á superficie que ocupan estas empresas, aumenta nun 9,3%, xa que en 2018 foran 17.812 metros cadrados Respecto ao espazo ocupado por expositores e actividades, ascende a preto de 87.000 metros, semellante á da pasada edición. Un incremento que fixo necesaria a instalación dunha gran carpa de 2.000 metros cadrados anexa ao pavillón 2, pois os múltiples espazos que se empregan nesta feira non eran suficientes para acoller a todos os participantes.

A feira destacará unha vez máis pola súa diversidade, xa que ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contará con numerosos sectores que van dende gandería, biomasa, mascotas e pequena maquinaria ata mobiliario, vehículos de ocasión e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos.

Un proxecto ao que seguen vinculadas, e presentes, grandes empresas privadas como Abanca, R, Vegalsa-Eroski, Gadis, Carrefour, El Corte Inglés e MediaMarkt, e no que tamén a presenza institucional é cada vez maior, coa participación de seis Consellerías da Xunta de Galicia, pero tamén coa da Embaixada de Nicaragua, Ministerio de Turismo de Guinea Bissau, entidades de turismo de Porto e Norte e Lisboa, Junta de Andalucía e Extremadura e Deputacións de A Coruña, Burgos, Castellón e Huesca.

A esta gran exposición únese un intenso programa con 200 actividades distintas, convertendo de novo á feira Abanca Semana Verde de Galicia no gran certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular, ao cal os visitantes poderán acceder de forma gratuíta por décimo ano consecutivo. Só se abonará o aparcadoiro, que terá un módico prezo de 3€ destinados a incrementar a calidade do programa de actividades da feira.

O certame será inaugurado mañá ás 13.30 horas polo Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do Conselleiro do Medio Rural, José González.

Certames paralelos e un intenso programa

O 23º salón de alimentación Salimat Abanca, será un ano máis unha plataforma de negocio tanto para a distribución como para pequenos produtores. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), volverán a contribuír á internacionalización das empresas a través de reunións con 29 importadores e distribuidores de 17 países, o que supón un 16% máis de compradores e un 21% máis de países, entre os que estará por primeira vez Singapur.

A súa área Alinova dará relevancia aos produtos innovadores, con 80 alimentos de gran orixinalidade, entre eles mexillóns en salsa de vermú, bombóns recheos de salsa de pemento ou fariña de semente de oliveira. No seu programa incluiranse ademais o Encontro con Tendas Galegas de Produtos Gourmet e numerosas catas, degustacións e showcookings, como o da finalista de MasterChef 6, Ketty Fresneda, e os de reputados chefs do Grupo Nove, Cociña Ourense, Cociñeiros da Mariña e Coruña Cocina. Tamén haberá talleres, presentacións de produto, entre eles das razas autóctonas en risco de extinción, e o Encontro Gastroblogger.

En canto a Fecap Abanca, que conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, inclúe entre os seus expositores armerías, criadores de cans, equipamento para caza e pesca ou medio ambiente. O seu programa incluirá novidades, como un curso de xuíces de agility (axilidade canina), unha xornada sobre armas e municións, o Campionato Provincial de Pontevedra de Recorrido de Caza con Arco, talleres de montaxe de moscas para auga doce a cargo do campión galego en 2018 ou talleres sobre como educar ao teu can con 100 trucos. Ademais, destacará de novo a Feira de Cans de Caza, que reunirá sobre 150 exemplares

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebran conxuntamente co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de distinto tipo de empresas do sector e 36 concellos que promocionarán 46 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional incluirase o III Encontro de Bloggers de Turismo e destacará a Bolsa de Contratación Turística, a cal contará con 47 turoperadores (un 4% máis) de 11 países. Entre as propostas para público xeral terán protagonismo as degustación e exhibicións de distintas festas de Festur.

As actividades caninas e ecuestres serán moi numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras do XIV Concurso Nacional Canino, probas oficiais da Liga Autonómica de Agility, unha exhibición do Tercio Norte de Infantería de Marina ou diversas propostas do Can de Palleiro. Nas ecuestres destacará o VII Galician Championship de cabalos árabes, unha exhibición de horseball da Selección Galega Feminina desta modalidade ou propostas co Cabalo de Pura Raza Galega, como un morfolóxico ou exhibicións de ximnasia acrobática sobre cabalos

A área de gandería tamén ofrecerá un completo programa centrado nas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción. Celebraranse concursos morfolóxicos de todas elas, sendo a primeira vez que teñen lugar os da Ovella e Cabra Galegas, e tamén o II Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta. Ademais, haberá unha exposición da raza Rubia Galega e mostras de ovellas Suffolk, Galiña Piñeira e exemplares da razas bovinas Minhota, Maronesa e Barroça.

O programa completarase con outras propostas de gran interese, como espectáculos de Freestyle Motocross nos que participarán os pilotos Miguel Espada e o tricampeón de España desta modalidade, Pedro Moreno; unha exposición de dinosauros animatronics, una demostración de medios da Garda Civil, o II Open de Xadrez, a V Carreira Popular, realización de esculturas con motoserra ou a xuntanza anual do programa radiofónico Pensando en Ti. Tamén se realizarán talleres de, entre outros, elaboración básica de marroquinería, pregado artístico de servilletas e toallas ou de queixos artesáns, realizados por alumnos de distintos ciclos de institutos de educación secundaria.

En total serán en torno a 200 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo de varios días, as cales conformarán un programa para todos os públicos e con numerosas novidades.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar