Cristina Pato ocupará unha cátedra na Universidade de Nova York

A artista Cristina Pato ocupará no vindeiro curso académico 2019-2020 a Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU), unha das máis destacadas universidades dos Estados Unidos, que teñen ocupado anteriormente destacados escritores, como Antonio Muñoz Molina, Juan Goytisolo, Claudio Guillén, Francisco Ayala, Jon Juaristi ou Estrella de Diego, ademais de por outros destacados persoeiros como Baltasar Garzón ou hispanistas do talle de Sir John Elliott ou Sir Raymond Carr.

Pato, cuxa carreira académica a ten levado a impartir clase en diferentes universidades americanas, como Harvard ou a Universidade de California, centrará a súa actividade na NYU nunha serie de conferencias e eventos públicos combinados cunha clase sobre as músicas invisibles do norte de España (“The Invisible Music of Northern Spain”). En concreto, centrada na música galega, a vasca, a sefardí e outras. Ademais das súas clases, organizará varias conferencias en torno a diversos temas relacionados cos seus obxectos de investigación dos últimos anos: entre eles música e neurociencia, a sustentabilidade do artista, a memoria cultural, a identidade e a perda de memoria, ou a situación das outras linguas en España. 

A Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española foi creada en 1983 e desde entón ten incorporado á NYU eminentes persoeiros da historia e da cultura da España moderna que desenvolven un programa académico ao longo dun ano sobre diferentes materias arredor da cultura española para ofrecer unha formación complementaria á impartida na propia universidade. Un dos obxectivos do centro é integrar a España en eidos no que historicamente foi marxinada, como a economía, a filosofía ou as ciencias políticas. A persoa elixida cada ano é evaluada por un comité de profesores de Estudos HIspánicos da propia universidade. 

Eis o anuncio oficial publicado polo Centro Juan Carlos I: https://www.kjcc.org/news/introducing-the-2019-2020-king-juan-carlos-chair-dr-cristina-pato/

Verán na Universidade de California

Alén desta estadía na NYU, Pato impartirá un curso de verán neste 2019 na Universidade de California sobre Memoria e Migración, e o rol das artes no mundo académico, tema que tamén desenvolveu na Universidade de Harvard. Toda a súa vida académica arredor das artes e neurociencia está baseada no poder de comunicación das artes para contar historias universais. Máis información: http://www.cristinapato.com/memory/

Pato vén de producir o pasado maio o Día de Acción de Yo-Yo Ma en Barcelona, que incluiu unha actuación de Ma no Palau de la Música Catalana, como parte do seu Proyecto Bach. Cristina Pato e Joan Anton Cararach estiveron traballando xuntos para desenvolver un programa con socios locais para dar forma a un día de actuación pública, conversación e acción centrada no papel da cultura na sociedade.

Cristina Pato

Gaiteira, pianista, educadora, escritora e produtora. Silkroad: Artista e Asesora de Educación 

Cristina Pato é unha mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada. Aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo The New York Times, a súa vida profesional está adicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a Gaita Galega. Cristina ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e ten lanzado e producido seis discos como gaiteira solista e dous como pianista, e colaborado en máis de 40 gravacións como artista invitada. 

A educación xoga un papel esencial na vida persoal e profesional de Cristina. Traballa como Asesora de Educación de Silkroad (fundado por Yo-Yo Ma), e ten traballado como artista residente en varias universidades, incluíndo Harvard e a Universidade de California Santa Barbara, onde desenvolve proxectos educativos interdisciplinares sobre o papel das artes na sociedade. É a fundadora do festival multidisciplinar Galician Connection, e escribe unha columna semanal para o diario La Voz de Galicia

Activa intérprete, conferenciante e oradora pública, Cristina posúe un Doutoramento en Musical Arts pola Rutgers University (EUA), os títulos superiores de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e un Master en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra. Cristina está a preparar o seu segundo doutoramento en Estudos Culturais, e é a co-creadora dunha pioneira clase sobre Memoria xunto co neurocientífico Dr. Kenneth S. Kosik. 

Poden descargar fotos de Cristina Pato, aquí.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar