Ourense:Período de inscripción para actividade infantíl do verán

– Para inscribirse é preciso cubrir a solicitude que se activará na páxina www.ssociaiscursos.com ás 9:00 horas do 5 de xuño. O prazo rematará o día 12 de xuño ás 24:00 horas

– As actividades son gratuítas, e para ter a posibilidade de acceder a elas o neno ou a nena deben estar empadroados

– Asuntos Sociais trasladará a horario matinal as actividades semanais dos Centros Cívicos na última semana de xuño, para reforzar a conciliación laboral e familiar

O vindeiro 5 de xuño, o Concello de Ourense abrirá o período de inscrición nas Actividades de Verán 2019 organizadas pola Concellería de Asuntos Sociais nos Centros Cívicos nos meses de xullo e agosto, e que ofrecerán un total de  420 prazas para nenas e nenos que cursaron Infantil ou Primaria no curso 2018-2019. O obxectivo básico desta actividade é que a rapazada se divirta e aprenda convivindo con outros nenos e outras nenas.

Este verán, fomentarase a participación da cativada en actividades socio educativas, lúdicas e culturais que promovan a educación en igualdade. A través do xogo, trátase de que coñezan a Convención de Dereitos da Infancia  e de promover que se convertan en axentes de cambio social identificando a realidade do seu barrio. Todo elo, no marco das accións encamiñadas a cumprir os obxectivos do I Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Ourense.

Ademais, as actividades supoñen un importante reforzo para que as familias concilien a súa vida laboral e familiar durante as vacacións, grazas a un horario de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas.

Inscrición

Para inscribirse nas Actividades de Verán é preciso cubrir a solicitude que se activará na páxina www.ssociaiscursos.com o día 5 de xuño, a partir das 9:00 horas. O prazo rematará o día 12 de xuño ás 24:00 horas. No caso de que algunha persoa precise de axuda coa inscrición, pode dirixirse á Oficina de Atención Cidadá ou ao Centro Cívico Colón.

Este verán haberá un total de 420 prazas, repartidas en sete grupos de 15 rapazas e rapaces e que estarán organizados por quincenas.  Así, os primeiros sete grupos estarán abertos do 1 ao 15 de xullo. Os seguintes serán: do 16 ao 31 de xullo; do 1 ao 16 de agosto e do 19 ao 31 de agosto.

As actividades son gratuítas e para ter a posibilidade de acceder a elas o neno ou a nena deben estar empadroados no Concello de Ourense.

A admisión nas quincenas será por orde de entrada e orde de preferencia. Se a inscrición faise para máis dun centro na mesma quincena, entenderase que o centro de preferencia é o primeiro. As quincenas dos centros que non alcancen un número mínimo de solicitudes poden ser suspendidas.

No caso de que haxa prazas, os nenos e as nenas que cubran a solicitude en prazo deberán ter concedida algunha das quincenas de preferencia antes de poder asistir a unha segunda quincena.

Conciliación familiar e laboral para a última semana de xuño

Para facilitar a conciliación familiar e laboral na última semana de xuño, a Concellería de Asuntos Sociais cambia o horario das actividades semanais dos Centros Cívicos nos últimos días de xuño. Así, as actividades que normalmente son entre as 17:30 e as 20:00 horas, cambian o seu horario á mañá, entre as 09:00 e as 14:00 horas, durante os días 24, 25, 26, 27 e 28 de xuño con motivo do remate do Curso Escolar.

As nenas e os nenos que xa se anotaran nas Actividades durante o curso poden asistir sen necesidade de ter que inscribirse. As inscricións poden realizarse a través da páxina www.ssociaiscursos.com.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar