A Xunta apoiará coas Anpas a loita contra a violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia ven de publicitar unha convocatoria de axudas destinada a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas en marcha polas Asociacións de Nais e Pais galegas (Anpas).

Trátase da primeira vez que se publica unha orde con este fin específico destinada ás Anpas. Estas axudas, que se inscriben no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, están dotadas en total con 300.000 euros. Cada solicitude poderá recibir un máximo de 4.000 euros se é de carácter individual; ou de 7.000 euros, no caso de ser presentada por 2 ou más Anpas dun mesmo concello ou por unha federación ou confederación de Anpas.

Ao abeiro desta orde de axudas, poderán financiarse actuacións como escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade, educación afectivo-sexual ou violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos para axudar a detectar estes casos; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado das novas tecnoloxías; accións de formación coas familias e o alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos; e outras accións que sensibilicen sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas para previr a violencia de xénero o os protocolos existentes en casos de agresións.

A Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para lograr unha igualdade real entre os homes e mulleres e erradicar calquera tipo de violencia de xénero.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar