En defensa de Amancio Ortega

MIRADE que non hai persoas ricas no Estado español e vai Podemos e arma unha estragueira electoral meténdose con Amancio Ortega por doar cartos!. Casualidade? Se cadra non tanto.

Voulle tomar prestadas unhas declaracións de Camilo Nogueira a El País cando Inditex sae á Bolsa:

– «Non entendo algunhas posicións que se manifestan contra desta empresa. Hai xentes moi dadas a buscar explicación fraudulentas contra as empresas galegas que teñen éito».

E, tanto, pois o autor da reportaxe recibira a encomenda da dirección de procurar que era o que tiña que ver Amancio Ortega co narcotráfico. Sería unha explicación moi doada para o seu éxito, desde unha visión centralista.

Poida que só fora que, como resaltaba El País, «acada un grande éxito sen gastar en publicidade» e «nun lugar afastado».

Pero retomemos as verbas de Camilo Nogueira: «É unha das poucas fortunas que existen en España fundamentadas en negocios industriais e non en actividades especulativas ou baseadas en concesións públicas».

As declaracións de Camilo Nogueira, producíanse tres anos despois de que el, como eurodeputado, e Xosé Manuel Beiras, como voceiro nacional do BNG, visitaran as instalacións de Inditex en Arteixo. Non só foron recibidos polo propio Amancio Ortega, senón que o presidente de Inditex se deixou fotografar cos dous políticos nacionalistas. Até daquelas non existían fotos públicas do empresario.

Esa foto, usada logo unha e outra vez polos medios, fora un espaldarazo ao BNG na súa política de chegarse ao «tecido empresarial e aos seus axentes sociais», como explicou aquel día X. M. Beiras. Que remarcaba ademais, o interese desta visita para coñecer as interioridades do que cualificou como «prodixio empresarial e un claro exemplo da terceira revolución industrial».

O encontro tivo lugar o 19 de abril do ano 2001. Xa choveu, pero, algúns, semella que na vez de avanzar recuamos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar