Orixinalidade electoral

   Quédanos só o día de  hoxe de campaña electoral para conquistar ao votante, xa que o sábado corresponde ao respiro da xornada de reflexión, oportunidade para que os indecisos cavilemoas en quen confiar o seu ben máis preciado.

    Das primeiras eleccións da democracia, lembramos a invasión das paredes coas imaxes dos candidatos, folletos de man, anuncios en prensa e radio, coches con altavoces polas rúas…

    A natural evolución social foi modificando estes xeitos de achegarse ao votante, reducindose carteis e folletos, tamén a megafonía de rúa, potenciando a súa presencia nos medios informativos, e facendo que os candidatos se relacionen  coa cidadanía, cara a cara, con mítines, reunións sectoriais ou por barrios, dialogando pola rúa, de xeito que se aprecie o seu talante a curta distancia, como proba do comportamento futuro se o candidato triunfa nas eleccións, ou nos pactos posteriores.

    Neses contactos directos, o votante pode darlle a man ao candidato ou candidata, falar con el, contarlle os seus problemas, obter promesas de futuro, e comprobar o seu carácter afable e a capacidade que ten para afrontar unha tarefa de goberno.

    E ás veces, poucas, aparecen accións orixinais que rompen coa monotonía electoral e evidencian desexo de chamar a atención, e capacidade imaxinativa para conseguilo. Nesta dimensión hai que incluir a iniciativa de Ciudadanos que montou un despacho diante da casa do concello de Lugo para que a candidata Olga Louzao puidese dicir que ía ser unha alcaldesa ao pé de rúa.

    Nas fotos, vese unha mesa de despacho con lámpara, planta e alfombra incluídas, ao lado as bandeiras española, galega e europea, e á candidata atendendo a lucenses  aos que supoño sorprendidos pola orixinalidade.

    A acción durou ata a unha da tarde, cando a policía municipal ordenou levantar o despacho, por non ter licencia do Concello. Non se fala da Xunta electoral, que é a que ten que entender da procedencia das accións da campaña, senón que é a norma municipal a que o Concerllo aplica.

Seguro que a letra da norma foi ben aplicada, pero o espíritu habería que cavílalo. E seguro é que en Ciudadanos poden estar satisfeitos pola repercusión da instalación deste despacho de alcaldía a pé de rúa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar