O Tribunal de Xustiza de Galicia avala a contratación do concurso dos MUPIS realizada polo Concello de Ourense

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avala a contratación dos MUPIS realizada polo Concello de Ourense. Nunha sentenza que se fai pública, o Tribunal estima o recurso de apelación interposto polo Concello de Ourense e pola empresa adxudicataria deste servizo (PM Trans Europe) en contra da sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense de 11 de setembro de 2017.

A sentenza do Contencioso Administrativo número 2 estimaba o recurso interposto por unha das empresas que participaba no concurso de contratación e que fora excluída tras un acordo de Xunta de Goberno Local (a data de 16 de xuño de 2016) por considerar que non acreditaba a solvencia técnica que esixía o Prego de Condicións. O xuíz ordenaba devolver o concurso ao momento da exclusión.

Agora o TSXG revoca esta primeira sentenza e confirma que o acordo do Concello de Ourense foi correcto e que procedía a exclusión desta empresa do concurso para a contratación dos MUPIS.

A sala confirma a decisión do Concello de Ourense para excluír do concurso á empresa demandante por considerar que a empresa non acreditaba a solvencia técnica requirida para  ofrecer este servizo.

Os requisitos reclamaban experiencia prestando un servizo similar (explotación publicitaria en soportes na vía pública, MUPIS,  MUPIS dixitais, Marquesinas e reloxos termómetro; así como a súa conservación e mantemento), nos últimos cinco anos, nunha cidade con una poboación superior aos 80.000 habitantes.

A sentenza confirma a decisión inicial do Concello por considerar que a empresa debía cumprir con todos estes requisitos “de forma acumulativa, pois a experiencia esixida é para a cidade de Ourense, cun servizo a cubrir e un número de habitantes”. O texto tamén sinala que “a experiencia acreditada pola empresa demandante non cumpre en ningún caso cos tres requisitos solicitados polo prego do concurso”.

“O prego é contundente ao restrinxir a licitación a espazos publicitarios que respondan ao formato que se licita, e non ofrece outras posibilidades de acreditar a experiencia na explotación publicitaria”, sinala a sentenza.

Esta sentenza avala a decisión tomada polo Concello á hora de adxudicar esta contratación, invalidando as críticas que realizaron os grupos da oposición ao longo do proceso e en contra da decisión de deixar fóra do concurso a unha empresa que non cumpría cos requisitos establecidos polas bases do concurso.

O fallo xudicial invalida todas estas críticas en contra dunha decisión que o TSXG confirma que foi a adecuada. O Tribunal insiste en que o concurso realizouse de xeito correcto e que o Grupo de Goberno seguiu en todo momento as normas establecidas. A decisión do Tribunal é contundente ao sinalar a legalidade de todo o proceso e da concesión deste servizo a empresa adxudicataria.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar