Gonzalo Caballero: “Galicia volverá suspender ao PP e a Feijóo o vindeiro domingo”

A este acto chegou tras asistir en Madrid á constitución das Cortes Xerais, onde 18 deputados e senadores socialistas -o grupo máis numeroso ata a data- tomaron posesión dos seus escanos en representación de Galicia.

Esta situación serviulle ao líder do PSdeG para recordar “o varapalo sen precedentes” que recibiu o PP nas xerais, tamén en Galicia, porque “a cidadanía dixo non a un Feijóo máis preocupado pola súa imaxe e pola súa posición persoal que por dar un bo goberno a Galicia”, e para anticipar un novo éxito nas municipais e europeas.

Consciente de que unha maioría de galegos e galegas, o 55%, optou por forzas progresistas o pasado 28 de abril, fronte a un 44% que apoiou á dereita e á ultradereita, Gonzalo Caballero chamou a apostar por alcaldes e alcaldesas socialistas o vindeiro domingo “para que o progreso siga avanzando en Galicia”.

“Un novo triunfo socialista será o inicio do fin de ciclo de Feijóo”, remarcou o secretario xeral, antes de facer un chamamento a todos os que queren unha Galicia de progreso para que vaian a votar ao PSdeG o vindeiro domingo tanto pensando nos concellos como no futuro de Europa.

“Os socialistas somos a referencia de progreso, liberdade, solidariedade, benestar e compromiso co galeguismo e cunha Galicia que funcione mellor”, concluíu o máximo dirixente do PSdeG.

Ademais, en clave local, Gonzalo Caballero destacou que Román Santalla representa “a mellor opción” para “abrir unha nova etapa” neste concello, ao tratarse home “traballador, capacitado e comprometido con Lalín”.

ELECCIÓNS EUROPEAS

En paralelo, sinalou que o vindeiro domingo “xogámonos tamén a Europa que queremos”, posto que sobre ela pende “unha ameaza da man da ultradereita”. Por iso, coa “forza” do PSOE tras o triunfo nas eleccións xerais, apelou “ao voto útil de todos os progresistas”.

“Para que Europa progrese e o benestar da cidadanía estea por riba dos riscos de desintegración e de retroceso que implica a ultradereita”, remarcou o líder dos socialistas galegos, consciente de que a ultradereita que en España representa Vox “ameaza o noso modelo de convivencia”. “E iso preocúpanos”, engadiu.

A maiores, na vila da que é natural Nicolás González Casares, sinalou que será “a referencia da defensa dos intereses de Galicia e dos nosos sectores produtivos” no Parlamento Europeo, nun equipo encabezado por unha “político de excepción” como é Josep Borrell.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar