Feijóo cre necesario un novo impulso en Lugo e pide un voto masivo a Ramón Carballo

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou nun mitin celebrado en Lugo que é necesario un novo impulso para esta cidade e, para acadalo, pediu un voto masivo para Ramón Carballo, “o candidato que quererían ter todos os partidos”.

Durante a súa intervención, o líder dos populares galegos fixo fincapé na importancia de non votar nunca por conformismo e, “despois destes anos en Lugo, moito menos”. Como sinalou, neste municipio pódese facer moito máis e non todo ten que ser sempre igual: “Votemos con ambición e esixencia”.

Nese senso, apuntou que ninguén recorda un só proxecto novo da cidade desde antes de que marchara Orozco, levando anos de parálise e dunha gobernanza por inercia nos que, malia que a economía foi mellorando, o Concello estivo aínda máis parado que nos anos de maior crise sen saberse a que se dedicaron o PSOE, o BNG e as Mareas.

Pola contra, puxo en valor que Ramón Carballo ten todas as condicións e cualidades para ser un grandísimo alcalde de Lugo, xa que vai moito máis aló do propio partido coa única ambición de “servir aos seus veciños e á cidade que quere”.

LUGO TEN QUE POÑERSE EN MARCHA

Ademais, Feijóo recoñeceu que, se a Xunta tivera a actitude do actual Concello, Lugo non tería un dos hospitais públicos máis modernos de España con servizos que se amplían e melloran constantemente, non habería en Rozas un polo aeronáutico que é referencia no sector e no eido da innovación, e tampouco se investiría máis que no resto de Galicia para acadar o equilibrio territorial.

“A Xunta sempre foi e será activa en Lugo”, aseverou mentres advertía que o Concello non pode ser un suxeito pasivo no desenvolvemento da cidade porque “ten que facer e non fai”. Neste sentido, admitiu que Ramón Carballo é o único candidato que pode reverter esta situación e conseguir que esta urbe se poña en marcha.

A IMPORTANCIA DE NON DIVIDIR O VOTO


Así mesmo, o presidente tamén insistiu na necesidade de unir o voto no PP para que sexa útil e, deste xeito, non se favoreza a formación de gobernos de esquerda. Por ese motivo, reiterou a súa chamada aos votantes de Ciudadanos para non dividir forzas “porque xa coñecemos a experiencia e non foi boa para ninguén”.

No caso de Ramón Carballo, Feijóo amosouse convencido de que moitos votantes socialistas estarán máis cómodos co candidato popular na Alcaldía que coas Mareas e co BNG esixindo e decidindo, posto que foron estas formacións as que elixiron a Lara Méndez. “Alguén se cre que foi ou será combativa con estes partidos quen é a alcaldesa que máis lles debe o cargo de toda Galicia?”, remarcou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar