Feijóo pide un voto masivo a José Manuel Rey para que Ferrol teña un goberno de moitos ferroláns

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu un voto masivo a José Manuel Rey para que Ferrol teña un goberno de moitos ferroláns e non de moitos partidos que o paralizan.

Por iso, avogou porque o vindeiro domingo haxa unha maioría ampla arredor do PPdeG, para que así en Ferrol se desenvolvan proxectos, en lugar de quedar bloqueados entre celos e pugnas partidistas, e para que a cidade amplíe tamén as súas oportunidades de futuro: “Pido unha maioría ampla para que en Ferrol volva haber goberno e alcalde”.

“Este José Manuel Rey de 2019 será aínda mellor alcalde que o José Manuel Rey de 2011 a 2015”, asegurou o líder do PPdeG; quen fixo fincapé en que, ante as leas das Mareas, PSOE e BNG, o candidato popular si ten as cousas claras. Neste senso, puxo en valor a súa experiencia na xestión e o seu paso pola Xunta, estando á fronte da “consellería das persoas”.


Así mesmo, Feijóo apuntou que José Manuel Rey non opta á alcaldía por ser un encargo do Partido Popular, senón porque, por enriba de calquera cousa, “el é militante de Ferrol”, xa que cre e quere a este concello e porque só se debe aos ferroláns. Por iso, remarcou que se presenta a estas eleccións para que Ferrol funcione, para que volva haber un punto de encontro dunha maioría de veciños que queren que a súa cidade avance.

UN CAMBIO EN FERROL

O presidente dos populares galegos salientou que ningún outro candidato pode proclamar a liberdade coa que José Manuel Rey se pon a disposición dos seus veciños. Non o pode facer o BNG, socio do actual alcalde e tamén de ERC e Bildu para as Europeas; nin o PSOE, socio indispensable do actual alcalde que, aínda divididos e enfrontados, o mantivo no cargo; nin tampouco o pode facer o actual alcalde, socio do incumprimento, da decepción e da parálise.

Neste punto, Feijóo subliñou que son moitos os ferroláns que piden un cambio en Ferrol, pero que só José Manuel Rey é garantía de que este teña lugar, xa que votar calquera outro partido é favorecer a que todo siga igual. Por iso, pediu un voto directo a José Manuel Rey.

GALICIA XÓGASE MOITO EN EUROPA


Por outra banda, incidiu en que Galicia se xoga moito nas Eleccións Europeas, xa que as decisións que determinan o futuro da nosa comunidade, en asuntos como a gandería, a pesca, o sector industrial ou o financiamento, se toman en Bruxelas e Estrasburgo.

De aí que sexa fundamental, indicou o presidente do PPdeG, contar con representantes como Paco Millán Mon, capaces de alcanzar acordos favorables aos intereses de Galicia e que aporten seguridade e solvencia. Por iso, pediu tamén o apoio dos veciños porque se necesita en Europa unha maioría que coincida coa maioría que hai en Galicia e, deste xeito, os intereses dos galegos estean mellor defendidos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar