Gonzalo Caballero sitúa ao PSOE como “o único voto útil para poñer fin á dinastía Baltar”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe dende Castro Caldelas a aumentar o número de alcaldes e alcaldesas socialistas en Galicia a partir do vindeiro día 26 e a reeditar o éxito das pasadas eleccións xerais en España e en Galicia.

“É o anticipo do gran éxito municipal que imos ter”, proclamou Gonzalo Caballero nun mitin no castelo de Castro Caldelas no que estivo arroupando a Sara Inés Vega para seguir sendo alcaldesa, e presentou ao PSOE como “o único voto útil para poñer fin á dinastía Baltar” na Deputación de Ourense.

Ao fío diso, prognosticou que “o PP vai perder a maioría absoluta” que ten na institución provincial comezando pola perda do goberno da capital. “Haberá un alcalde socialista en Ourense que será o motor de cambio da provincia”, enfatizou.

En paralelo, o líder dos socialistas galegos reivindicou que “somos o partido da maioría” e a formación que ten loitado “por un país mellor e máis próspero”. E, por iso, chamou a “non dar nin un paso atrás” fronte aos “riscos de involución” nos dereitos de todos e, fundamentalmente, de todas.

Todo isto porque, como sinalou Gonzalo Caballero, a pesares de que agora o PP di que “está centrado”, a realidade é que “se lle deran as contas” tería pactado con Ciudadanos e Vox xa tralas eleccións xerais e amosaría onde está realmente: “na dereita reaccionaria”.

“NON QUEREMOS RETROCEDER”

E coa mesma óptica de que “non queremos retroceder”, o máximo dirixente do PSdeG pediu tamén sinalarlle a Feijóo nestas municipais que “non lle consentimos que dera as costas ao país”.

“Hoxe temos menos xente, máis envellecida, e menos posibilidades de futuro para a xente moza. Ademais, déixanos unha sanidade pública en situación crítica polos seus recortes e privatizacións”, denunciou Gonzalo Caballero, consciente de que hoxe “hai menos persoal e menos camas” neste servizo fundamental.

CASTRO CALDELAS

Finalmente, no referido á Castro Caldelas, o secretario xeral do PSdeG pediu o voto para “unha muller loitadora, capaz de traballar 24 horas ao día” polo seu concello, e que representa “a mellor opción” para este pobo.

A propia Sara Inés Vega pediu o apoio dos veciños e das veciñas para “seguir sendo a vosa alcaldesa”. “Eu non quero nin ir á Deputación nin á Xunta, quero estar aquí”, recalcou a rexedora.

Ademais, denunciou a falta de apoio por parte tanto da Deputación de Ourense como do goberno galego, con exemplos como a negativa da Xunta a acometer as obras de arranxo do centro de saúde.

Fronte a isto, presentou un proxecto centrado en mellorar os servizos sociais e de aposta polo turismo na que é “unha das vilas máis bonitas de España” como xerador de actividade económica e de progreso para a vila.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar