Feijóo pide o voto para José Crespo e poñer fin a catro anos de escándalos en Lalín

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o voto para o Partido Popular, xa que votar PSOE é votar Mareas e BNG nos gobernos dos concellos, polo que salientou que o único modo de evitar que estes partidos se repartan os concellos é votando aos candidatos do PPdeG.

Así, remarcou que a combinación de PSOE, Mareas e BNG ten como resultado a parálise, enfrontamentos e, tamén, máis impostos. E é que, tal e como incidiu, o voto ao PSOE é o modo de que estes partidos continúen, xa que lles vai brindar o seu apoio.

Por iso, Feijóo dixo que o voto do cambio aos gobernos tripartitos é o PP, o voto para gobernos de maiorías, polo que propuxo que todos os votantes de centro e de dereita únanse nestas eleccións para evitar o que pasou nas pasadas Xerais: ter un presidente do goberno que dez millóns de votantes non querían.

PP SÓ HAI UN


Durante un mitin en Lalín, o presidente dos populares galegos, que recordou que as grandes maiorías comezan sempre por unha gran vitoria do PP de Lalín, salientou que Partido Popular só hai un: o de Gerardo Fernández Albor, Manuel Fraga, Mariano Rajoy, José Crespo e o que el preside. Neste senso, amosouse sorprendido de que os que máis critican a este partido sexan logo os que máis ganas teñen de imitalo.


Feijóo apuntou que, mentres algúns só gobernan pensando no seu propio protagonismo, o PP faino pensando no seu pobo. Por iso, fronte aos políticos cuxo único obxectivo é ser noticia, o líder do PPdeG dixo que un bo político resérvalle sempre a primeira liña aos seus veciños. E asegurou que José Crespo, ademais de ser un líder consolidado, é “sinónimo” de xestión, que conta cun equipo renovado e un proxecto unido. Por iso, Feijóo pediu o apoio para o PPdeG, para poñer así fin aos escándalos e ás mentiras e para que Lalín volva ser un dos grandes pobos do noroeste español.

Salientou que os grandes momentos deste concello vivíronse cando simultaneamente tivo un alcalde do PP e un conselleiro de Lalín no Goberno galego, polo que propuxo que ese momento se volva a repetir, xa que o conselleiro de Cultura e Turismo é deste municipio. Para finalizar, pediu para José Crespo, “como mínimo”, a mesma porcentaxe de voto que o PPdeG acadou nas pasadas Autonómicas: “Se a min déstesme o 64% dos votos sen ser de Lalín, sería unha inxustiza que Pepe non levara, como mínimo, a mesma porcentaxe”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar