Festa Laica

Aparábola do grao de mostaza debería ser o exemplo a seguir para quen pretenden emprender algunha cousa neste carrusel das vaidades permanentes. Porque todo canto se sementa en boa terra remata sendo unha árbore frondosa. E, ademais, non hai mellor cousa se a semente vai fertilizada coas virtudes dos soños. O día daquel outono de 1962 cando, Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo quedaron para tomar un café sabían que tiñan unha boa idea. Porén descoñecían que no peto levaban un grao de mostaza.

Na soleira da transición don Paco díxome, durante unha conversa de radio: “A verdade é que no principio foi a simple idea de facer algo, algún evento, unhas conferencias, unha edición especial de Cantares gallegos para celebrar o seu centenario no 1963”. Dedicar ese día ás letras galegas, como deseguido fixeron ao redactar a proposición para presentar á Real Academia Galega, resultou o produto dun soño. Da mostaza agromou a primeira póla co propósito de converter o 17 de maio na data para homenaxear cada ano unha figura da escrita en galego, comezando por Rosalía de Castro. E xa nese camiño: “Por que non pedir que fose permanente a celebración?” -dixo don Paco. “E postos a soñar, por que non chamarlle festa?” -preguntei eu. Seguiu dicindo el: “Soaba ben ese título de Día das Letras Galegas, e moito mellor se fósemos quen de facerlle un oco no calendario, así naceu o propósito”.

Na década dos anos sesenta a ditadura de Franco cría que conquistara o futuro para a eternidade e foi descoidando os currunchos das culturas marxinadas do país. Conceder un día ao galego semellaba para eles non máis dun tímido sol que non había quentar moito. E a pequena festa laica, case de amigos, botou novas ramas, e creceron as follas, e morreu o ditador e cando lle tocou a Álvaro Cunqueiro ser o protagonista, no 1991, o día xa acadara posto fixo nos almanaques e ademais deixou de ser laboral para converterse en festa oficial e recoñecida popularmente. Todo un logro, aínda que agora escoitemos voces pedindo que volva ser xornada de traballo para que a cidadanía, no lugar de marchar á praia ou saír de vacacións quede na casa e nas escolas falando da cultura galega.

Iso, ademais dunha utopía sen sentido, remataría sendo un erro irreversible. Hoxe é festa de gardar e, mesmo, quen nunca leu un libro en galego, nin tivo interese pola cultura do país, sabe que en Galicia temos unha lingua propia, sobre a que se alicerza unha importante literatura. Mesmo rematarán por saber que o verdadeiro territorio das culturas é sempre unha lingua, aínda que a universalidade da mesma chegue a ser transmitida con outras moitas falas.

As relixións saben moi ben da importancia das celebracións e velaí como encheron os calendarios de festas de santidades e conmemoracións para acadar a comuñón e identificación das comunidades cos seus idearios. Hoxe, xa vizosa a árbore da mostaza, cómpre dicir que esta festa das letras fixo máis pola difusión da cultura galega que todas as políticas e esforzos individuais e colectivos, que agromaron nas últimas cinco décadas. Moito máis que o mesmo 25 de xullo que, por moito que desexemos sentilo como Día de Galicia, non deixará nunca de ser a festa do apóstolo Santiago. A verdadeira festa laica do país galego estámola a vivir hoxe, neste Día das Letras Galegas, mesmo se estamos nas praias, grazas a aquel grao de mostaza que levaban no peto os tres amigos galeguistas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar