Ana Pontón salienta o compromiso do BNG para impulsar a cultura galega desde os concellos


A portavoz do BNG, Ana Pontón, e a candidata á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, visitaron o  Festival Compostela Literaria que a líder nacionalista aproveitou para poñer en valor a creatividade do país que, destacou, conta un firme aliado nos concellos gobernados polo Bloque, cun modelo municipal que ten como un dos seus máis claros sinais de identidade o apoio á cultura do país.

“O apoio á nosa cultura é un dos sinais de identidade do modelo municipal do BNG en base a tres razóns: Por orgullo do propio, da nosa lingua e cultura; porque é un elemento de desenvolvemento económico e de creación de emprego e, en terceiro lugar, porque favorece a cohesión social e o empoderamento das persoas. Por todo isto é un sinal de identidade dos nosos concellos”, explicou Pontón

De feito, na actualidade, “ninguén discute que a referencia cultural e de apoio aos creadores e ás creadoras galegas se leva a cabo desde os concellos gobernados polo BNG e desde as deputacións, como por exemplo o traballo desenvolvido pola candidata Goretti Sanmartin desde a súa responsabilidade de vicepresidenta da Deputación da Coruña e da área de Cultura, un exemplo de bo facer”, explicou a dirixente do Bloque.

Consider importante facer política cultural desde os concellos “porque contribúe a sentir orgullo de país, porque  ter unha cultura propia é motivo de celebración, porque cando apostamos pola cultura tamén apostamos por crear emprego, tecido empresarial e industrial e hai que facelo abordando o problema da precariedade que teñen os e as creadoras e traballar desde as institucións municipais para combatela”, recalcou Pontón.

Finalmente, detrás deste decidido apoio á cultura galega tamén está o feito de que é unha ferramenta “de cohesión social e de empoderamento das persoas, porque todas con independencia do seu poder económico teñen que ter acceso en igualdade á cultura porque é un dereito das persoas e queremos este 17M ratificar que os concellos que goberne o BNG van seguir apostando por defender a cultura, por empoderar os nosos creadores e creadoras. Somos un país que destaca pola súa capacidade creativa e debe ser apoiada e estimulada desde os concellos”, concluíu.

Na visita ao festival literario, Pontón e Sanmartín estiveron acompañadas polos escritores Suso de Toro e Daniel Asorey, polas autoras Ana Cabaleiro e Carme Vidal e polo músico Quique  González.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar