O Consorcio de Santiago agasalla hoxe a tódolos visitantes a Casa do Cabildo

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, este venres, 17 de maio, o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións en galego a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido (na Praza das Praterías) ao longo da xornada, ata que se esgoten as existencias.

E, ao día seguinte, o sábado 18, no marco da conmemoración do Día Internacional dos Museos, o organismo tamén obsequiará con libros do seu fondo editorial aos visitantes da Casa do Cabido. Trátase de exemplares relacionados coa Literatura, a Arte e a Historia de Santiago. Os exemplares pertencen ás diferentes bibliotecas do Consorcio: a biblioteca facsimilar, a científica, a biblioteca de divulgación, a literaria, a biblioteca de imaxes e a biblioteca infantil e xuvenil.

A Casa do Cabido abrirá o xoves 17 e o venres 18 no seu horario habitual, de 11:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 21:00 horas pola tarde.

Un percorrido pola cidade a través dos debuxos de Andrés Freire

As persoas que se acheguen estes días á Casa do Cabido terán ademais a oportunidade de facer un percorrido pola exposición Compostela moumental, que se inaugurou esta semana e reúne debuxos da cidade histórica de Santiago realizados polo militar galego Andrés Freire Conde. Trátase dun artista autodidacta que comeza a debuxar e a pintar dende moi novo e aos seus 91 anos segue a manter a súa paixón pola pintura.

Son 36 obras nas que o artista reflicte a súa paixón pola cidade compostelá e a súa arquitectura. Espazos emblemáticos como as prazas do Obradoiro, Praterías e o Toural, o Mercado de Abastos, Bonaval, o Pórtico da Gloria, Porta Faxeira, Fonseca… son algúns dos espazos que o autor plasma nas súas creacións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar