Feijóo avoga por un goberno para Ferrol responsable e que aposte pola súa industria

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, compartiu co candidato do PP á alcaldía do Ferrol, José Manuel Rey Varela, o compromiso dun Goberno responsable, realista e capaz de formular solucións para a súa industria e a súa economía, como a creación dunha Zona Franca, similar á que existe noutras sete áreas españolas.

Durante un acto con emprendedores da comarca, Feijóo valorou e defendeu esta proposta ante unha taxa de paro estrutural que rolda o 15% na cidade; ante situacións como o peche de Poligal ou Coprago, de Megasa e ante a presión institucional para o peche das térmicas. Por iso, considerou “xusto, oportuno e procedente” que Ferrol conte cunha Zona Franca que garanta beneficios ás empresas que decidan operar desde a cidade.

UNHAS ELECCIÓNS CLAVES PARA O FUTURO

Feijóo aproveitou o acto, ao que tamén asistiu o candidato ao Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon, para facer fincapé na importancia destas eleccións municipais e europeas, claves para o noso futuro, ante os indicios de desaceleración que se comezan a percibir, tanto a nivel nacional como internacional. E, resaltou a importancia de evitar en todas as administracións co voto unha política xorda e cega, por ser “daniñas” para as economías.

Feijóo chamou a atención sobre o risco que supón para a nosa economía que se consoliden nos concellos ideoloxías populistas ou moi populistas. Neste senso, salientou que aplicando o seu modelo económico, en Galicia, eliminaríanse preto de 27.000 empregos, resultado de: pechar Reganosa; pechar as centrais térmicas de Meirama e As Pontes; pechar Ence; impedir que PSA Citroen puidese ampliar a fábrica de Vigo; ou opoñéndose ao polo aeroespacial de Rozas.

Ante esta situación, Feijóo aseverou que os concellos non aguantan con gobernos revoltos e desunidos, porque “as cidades páranse e retroceden”. E é que, tal e como remarcou, cando os gobernos deixan de preocuparse polos sectores estratéxicos estanse equivocando. Así, pediu que non se confíe nos partidos sen proxecto político e naqueles que cren que a política é so dar titulares.

UNHA POLÍTICA ESTABLE E RESPONSABLE


Por outra banda, salientou que apostar pola estabilidade e a responsabilidade fixo posible que Galicia sexa a cuarta comunidade con menos endebedamento; que teña unha Administración seria e cumpridora que paga aos provedores no menor tempo de España; que estea entre as tres autonomías con maior esforzo investidor; que se puidera acometer a maior rebaixa fiscal da nosa historia; ou que leve catro anos consecutivos crecendo no entorno do 3%.

Feijóo amosou a súa preocupación ante o interese do Goberno central por esperase ata plena campaña electoral a orde de execución das fragata, retrasando o comezo dos traballos ata ben avanzado o 2020; os tímidos avances nos compromisos adquiridos para converter Navantia nun estaleiro 4.0. ou por beneficiar aos estaleiros do sur. Sobre este punto, recordou que desde Galicia, co sector e co anterior Goberno central, realizouse un esforzo importante nos últimos anos para recuperar a confianza do mercado e modernizar os estaleiros.

FEIJÓO EN TUI

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinala que ningún concello se pode dar por perdido e que todos se poden gañar se o voto moderado se une no Partido Popular.Así, indicou que se pode gañar nos 313 concellos galegos se todos os que prefiren que os candidatos do PPdeG sexan alcaldes -e non os do PSOE, Podemos e BNG- se xuntan nas urnas e votan directamente ao PP. E é que, tal e como apuntou o líder do PPdeG, a división nas urnas só traerá o mesmo resultado que o pasado 28 de abril e moitos veciños terán así ao alcalde que non queren, como agora millóns de españois teñen ao presidente do Goberno que non querían.

Por iso, en lugar de votar diferentes partidos e restar concelleiros e posibilidades, Feijóo pediu a unión no Partido Popular para poder ter alcaldes e alcaldesas cos que nos identifiquemos, nos representen máis e xestionen mellor os concellos. “Divididos, perdemos e perderemos; pero unindo o voto no PP, gañamos e gañaremos”, continuou, referíndose á experiencia de hai catro anos e das recentes eleccións xerais, así como aos prognósticos das enquisas.

Do mesmo xeito que na nosa comunidade nin Ciudadanos, nas Autonómicas de 2016, nin VOX, o pasado 28 de abril, obtiveron escanos, Feijóo remarcou que non haberá en Galicia alcaldes nin alcaldesas destas formacións: “Mentres a división beneficia só aos que queren vencer dividíndonos, a unión beneficia a todos os galegos que queren alcaldes que se deban aos seus veciños e non aos pactos nos despachos”.

Do mesmo xeito que pediu o voto para os candidatos dos PP nas Municipais, tamén o pediu para o partido nas Eleccións Europeas, para que así os intereses dos concellos, de Galicia e de España estean mellor representados e máis defendidos. 

TUIDECISIVA PARA UN CAMBIO NA DEPUTACIÓN

“Un político dialogante, traballador, comprometido e que coñece ben as entrañas do concello”, así definiu Feijóo a José Ángel Fernández, o candidato do PP á Alcaldía de Tui. Dixo que, xunto a un equipo renovado, unido e con ilusión, estará á altura dos desafíos do municipio; e que conta, ademais, cun proxecto para executar nos vindeiros catro anos. 

Así mesmo, salientou que o voto dos tudenses é decisivo para darlle un novo rumbo á Deputación de Pontevedra e lograr o cambio nesta provincia, para que o autoritarismo e os malos modos deixen paso á educación, ao diálogo e a unha administración para todos. Feijóo, que recordou ás vítimas da traxedia de Paramos, subliñou que o Goberno galego segue estando á disposición das familias. 

UN VOTO AMPLO, RESPONSABLE E UNIDO EN TORNO A ÁNGEL RODAL

Anteriormente, en Baiona, o líder do PPdeG destacou que a única barreira contra un goberno de socialistas con nacionalistas e con toda a constelación de mareas é un voto amplo, responsable e unido en torno a Ángel Rodal e ao PPdeG, que ofrecen o que de verdade necesita este concello: estabilidade política, experiencia de xestión e un proxecto claro de cara á vindeira década. 

Neste senso, asegurou que, fronte aos demais partidos que tan só falarán nesta campaña de discrepancias e de asuntos do pasado, o PP estará centrado na responsabilidade, no crecemento económico e no benestar.

/////////////


Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar