A viaxe cara o centro

Coidado cos rouses! O PP e Ciudadanos aínda van chocar en calquera curva e esmendrellarse ambos. O PP sinalou a viraxe cara o centro logo de perderse nas eleccións do 28-A e, Ciudadanos, sen freos e ao tolo, encarou cara a dereita sen facerlle caso aos sinais nin as recomendacións da CEOE ou a banca, nin os seus amigos xornalistas, que tentan frear a un Albert Rivera que vai lanzado e se cre presidente de España.

Pablo Casado afirma que vai cara o centro, pero, de momento, dá voltas na rotonda. El, por unha banda, proclama que si, que o PP é un partido centrista e que o camiño escollido antes das eleccións xerais non era o rumbo axeitado. Pero, pola outra, é quen de soster que nunca abandonaron o centro e que o PP o único que ten é que volver as súas esencias.

Así o pensan tamén a grande fichase Álvarez de Toledo, Esperanza Aguirre ou Xosé María Aznar. Onde anda agora Aznar?

Pola súa parte, os baróns territoriais, que se xogan moito nos próximos comicios locais e autonómicos, non fan máis que indicarlle o carreiro a ese centro desexado, cara o que levan camiñando desde a súa fundación e, como veñen do franquismo, nunca dan chegado.

De momento, Casado decidiu pórlle silenciador ao seu partido, tentando facer moito menos ruído, e aceptou a moderación no seu vocabulario. E certos candidatos, agocharon as siglas, por si as caso.

Pero, ser ben falado chega para ser de centro? Defen- deu algunha vez o PP valores de centro? Os intereses que defenden son, verdadeiramente, os dunha grande parte da sociedade?

A súa postura política no aborto, na violencia de xéne- ro, na memoria histórica, na prisión permanente, o non rexeite ao franquismo…, poden equipararse cun partido verdadeiramente centrista? O seu pacto coa extrema dereita de Vox, carne da súa carne, todo hai que dicilo, pode equipararse a un partido europeo centrista? O seu pacto en Andalucía e a súa negativa ao rexeite de acordos coa extrema dereita tanto nos concellos como nas comunidades, incluída Galiza, indican que camiñan cara o centro?

E se falamos das privatizacións sanitarias, da entrega do ensino, en todos os seus niveis, aos centros privados, con axudas a aqueles que segregan por sexos e aos que adoutrinan na relixión católica, da lexislación laboral, dos ataques as liberdades de expresión, do manexo dos medios de comunicación públicos e da vampirización dos privados…, estamos a falar da ideoloxía dunha organización centrista?

Pois, que eu saiba, o PP non rexeitou desas medidas que impulsou e defendeu até de agora, nin anunciou ningunha nova que nos poida facer crer que tomou o vieiro indicado.

Cuidado coas rotondas! PP e Ciudadanos vanse atopar no mesmo carril querendo coller a dereita.

Xornalista

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar