Sen luz, negrura

aDA importancia da luz non hai nada que falar. Do seu valor e mérito para subsistencia da cidadanía tampouco hai moito que dicir, abonda con agradecer e recoñecer que xoga un papel moi importante na vida e na evolución da humanidade. A luz é, sinxelamente, vida e para resaltar o seu papel en distintos aspectos, na ciencia, na cultura, na educación, no medio ambiente e o desenvolvemento sostible ou en áreas tan diversas como a medicina, a comunicación e a enerxía, a Unesco, en novembro de 1917, aproba e proclama oficialmente o día 16 de maio de cada ano como Día Internacional da Luz.

A nivel estatal créase un comité con científicos e expertos que traballan neste eido, do que forma parte a profesora de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela, María Teresa Flores Arias, quen gusta de falar da presencia da fotónica na vida cotiá. Neste ano 2019, o acto central do Día Internacional da Luz desenvolverase en Santiago de Compostela e servirá, a bo seguro, para realzar o traballo de investigación que se fai, neste ámbito, na USC. Din que a fotónica, a ciencia da luz, terá no século vinte e un a mesma importancia que tivo a electrónica no pasado. Nestes tempos nos que todo vai a toda présa, a velocidade é importante e a revolución tecnolóxica pasa polo cambio dos electróns aos fotóns.

A luz alimenta, pon en marcha o reloxo biolóxico dos vivos, manda sinais ao cerebro e indicacións claras para a sincronización necesaria das distintas pezas que constitúen a maquinaria humana, con sentimento, con paixón e devoción, con equilibrio e con senso de responsabilidade para que cada quen esperte ou durma cando toque. O reloxo non funciona só co sinal da luz, pero ela é, segundo os científicos, o máis forte e o máis potente. A vida social, os horarios de traballo, da escola, de comer, do ximnasio ou da sesta tamén ordenan, pero despois dela.

A luz tamén é poesía, alegría, claridade, fantasía e realidade total. A luz do día e a enorme claridade do amencer, do solpor ou da noite coa luz acendida, son belezas absolutas, como a luz da escuridade de Lope de Vega ou cando «a luz bebe luz na túa boca», en Primavera e muchacha de Octavio Paz. Prezados lectores!, a Tía Manuela di ben: «sen luz, todo é escuridade, negrura para o futuro».

Luis Celeiro é xornalista

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar