Rodaxe de cine en Ourense


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou a rodaxe da película Eles transportan a morte, a primeira longametraxe da galega Helena Girón e do canario Samuel M. Delgado. A provincia de Ourense é por primeira vez na historia “o escenario de catro rodaxes nun mesmo ano: Elisa e Marcela de Isabel Coixet, O que arde de Oliver Laxe, Olvido y León de Xavier Bermúdez que ten que empezar a rodar este ano, e agora Eles transportan a morte”, destacou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Na visita a este último proxecto cinematográfico,nos Xordos, en Bande, o presidente da Deputación de Ourense estivo acompañado polo director de AGADIC, Jacobo Sutil; os directores da película, Helena Girón e Samuel M. Delgado; e a produtora executiva, Beli Martínez.

Manuel Baltar anunciou que á vista dos numerosos proxectos cinematográficos que sitúan á nosa provincia como un “plató de cine, incluiremos nos orzamentos, a partir do ano 2020, unha partida importante de axudas para o financiamento da produción de películas que se roden total ou parcialmente en escenarios da nosa provincia”. “Esta iniciativa enmárcase na liña do Ourense Film Commission que aprobamos no Pleno da Deputación, a través do cal pretendemos situar a esta provincia como un catálogo de lugares para rodar producións audiovisuais, de xeito que contribúan ao realce turístico e cultural do noso territorio”.

Así mesmo, o presidente do goberno provincial lembrou que a Deputación de Ourense tamén “apostou o ano pasado por manter o Festival de Cine internacional de Ourense, facendo unha máis que digna 23ª edición, e neste ano 2019 tamén organizaremos unha nova edición quintuplicando o orzamento que a Deputación destinou o ano pasado a esta gran cita do cinema en Galicia, que ten a súa capital en Ourense.

Eles transportan a morte é un proxecto cinematográfico que se rodaráen diferentes localizacións da nosa provincia, concretamente na zona da raia galega: Bande, Muíños, Entrimo, Lobios e Avión. O filme achégase a unha hipotética historia sobre qué pasaría se tres dos homes que viaxan nunha das carabelas que acompañan a Cristóbal Colón deciden desertar e fuxir nunha illa misteriosa con parte das pertenzas e útiles necesarios para continuar coa travesía. Nesa viaxe atopan a dúas mulleres cun burro que buscan a unha curandeira que axude a sanar a unha delas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar