Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

O deseño do cartel do 35 aniversario quere recoller, a través de imaxes representativas dos últimos 10 anos, a proxección do pasado como espello e impulso para o presente.

Coma un xogo, o concepto da imaxe gráfica desta MIT 2019 é un caleidoscopio. Moitas desas imaxes multiplicadas quedaron na nosa retina, moitos dos espectáculos que nos xuntaron en Ribadavia cambiaron cousas en nós ou fixéronnos sentir e descubrir universos tan máxicos e sorprendentes coma o dun caleidoscopio, con todo o seu misterio e fascinación.

O deseño do cartel da 35ªMIT recolle imaxes de compañías galegas e internacionais e mostra o impulso e proxección que tivo para o teatro galego un festival humilde pero entusiasta, con raíces pero igualmente con forza para voar. No cartel, a persoa espectadora poderá atopar imaxes de cada edición, dende 2009 (ano en que celebrabamos o 25 aniversario, ata hoxe), coma un peche de ciclo do festival, que se caracterizou por un impulso profesionalizador, por reforzar o seu rol de diálogo internacional no teatro galego e por achegar a Galicia a grandes mestres da escena mundial. Así, veremos na imaxe escenas de postas en escena de Declan Donellan, Arístides Vargas, Voadora (Marta Pazos), Cristian Ceresoli, Ballets c de la b, Elefante Elegante, Atalaya, Pippo Delbono, Gardzienice (Staniewski), etc. O centro da imaxe ocúpaa Bobó, actor, xesto e alma da compañía italiana de Pippo Delbono, que o ano pasado visitou a MIT con La Gioia e que recentemente faleceu. A MIT quere así tamén, dende a ledicia do recordo, o respeto e a festa, lembrar e recoñecer todo o legado das persoas ligadas a este festival e que nos deixaron nestes 10 últimos anos: Bobò, Ernesto Chao, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Miquel Gallardo, Eimuntas Nekrosius ou Xan Cejudo.

Coma nun espello, a imaxe simboliza que queremos mirar cara atrás, aprender do pasado, dos fallos e dos acertos para reforzar o papel dinámico e valente dun festival que dende a periferia e dende a súa dimensión popular e libre, quere seguir defendendo un espazo de dignidade para as persoas espectadoras de Galicia en diálogo coa escena internacional e as tendencias escénicas contemporáneas.

Xogo, liberdade e creatividade. A MIT quere seguir sendo un crisol e medrar da man diversa de persoas espectadoras e así o quere resaltar este deseño de A&B Comunicación e Deseño.

Páxina web: www.mitribadavia.gal

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar