Promoción do xornalismo na escola na súa recta final


A nova edición de Xornalismo na Escola «la Caixa» entra na recta final dun programa que ten formado no uso social do xornalismo a miles de escolares ao longo da xeografía galega. Unha formación posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’que o alumnado agradece «porque lles estamos a abrir a mente dándolles as claves de todo o que hai detrás dos medios de comunicación». Ata o momento foron case 90 obradoiros impartidos a máis de 2.000 alumnos. A semana que vén realizaranse os últimos talleres desta edición no IES Maximino Romero de Lema de Zas (o luns 13) e no IES As Bizocas do Grove (o xoves 16).


Como en anteriores edicións, este luns 6 de maio realizouse unha xornada especial no IES Alfredo Brañas de Carballo, onde se impartiron tres obradoiros simultáneos que ensinaron ao alumnado a importancia dos medios de comunicación sen perder a perspectiva máis local. Ademais, os talleres contaron coa presenza do xornalista Xosé Ameixeiras como convidado.


A IMPORTANCIA DA EDUCOMUNICACIÓN
Neste ano foron os e as xornalistas Susana Bastón Carballo, Pablo Díaz Bouza, Davide Fernández García, David Fontán Bestilleiro, Alfonso González Redondo e Edgar Melchor Fernández os encargados, desde o mes de febreiro, de impartir os talleres por toda a xeografía galega. Todos eles, cunha ampla traxectoria profesional, destacan a importancia de Xornalismo na Escola «la Caixa» e os bos resultados entre o alumnado.
A práctica destes meses revela o necesario da educomunicación a mocidade para o uso dos medios: «a inmensa maioría infórmanse a través das redes sociais e da televisión, e non saben como distinguir as noticias falsas e os bulos da verdadeira información», afirma Alfonso González. Pola súa banda, Edgar Melchor asegura que «os rapaces están agradecendo moito os obradoiros porque lles estamos a abrir a mente dándolles as claves de todo o que hai detrás dos medios de comunicación, tanto o bo como o malo, e as ferramentas para combatir os enganos». “O profesorado», di Davide Fernández, «aprecia que profesionais da comunicación acudan aos centros para falar de pluralidade informativa, o panorama actual dos grandes grupos de comunicación, a manipulación informativa e do papel do xornalismo como afianzador da democracia”

Os obradoiros de Xornalismo na Escola «la Caixa» fornecen ferramentas aos escolares para esquivar as noticias falsas e reflexionar sobre a necesidade de estaren ben informados para poder ter un criterio definido como cidadáns. Fernández García explica o proceso de debate dos talleres: «dubidamos da información que aparece nos medios, cuestionámolos e, finalmente, a rapazada conclúe que o labor do xornalismo como mediador é necesario para vivir nunha sociedade democrática e do consenso”. Logo dos noventa minutos de obradoiro, a maioría dos alumnos, afirma González Redondo, «sae convencida de que estar ben informados é unha tarefa que require esforzo pero que paga a pena para ser cidadáns responsables e con criterio propio».

XORNALISMO NA ESCOLA “LA CAIXA” EN MÁIS DE 40 CENTROS
Os centros escolares participantes nesta cuarta edición de Xornalismo na Escola foron os seguintes: CPI Alfonso VII de Caldas de Reis, CPI Antonio Failde de Coles, CPI Camiño de Santiago do Pino, CPI Castro Baxoi de Miño, CPI de Cruz de Sar de Bergondo, CPI Pecalama de Tordoia, CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda, CPI Santa Lucía de Moraña, CPI Viaño Pequeno de Trazo, IES As Lagoas de Ourense, IES A Xunqueira II de Pontevedra, IES Agra de Raíces de Cee, IES Alfredo Brañas de Carballo, IES Aquis Querquernis de Bande, IES As Bizocas do Grove, IES As Mariñas de Betanzos, IES Blanco Amor de Ourense, IES Castro de Baronceli de Verin IES Chano Piñeiro, de Forcarei, IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, IES Cosme López da Rúa, IES da Pobra do Caramiñal, IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, IES Elviña da Coruña, IES Francisco Aguiar de Betanzos, IES Illa de San Simón de Redondela, IES Isaac Díaz Pardo de Sada, IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia, IES Lucus Augusti de Lugo, IES Macía O Namorado de Padrón, IES Manuel García Barros da Estrada, IES Maximino Romero de Lema de Zas, IES Miraflores de Oleiros, IES Nº 1 de Ordes, IES Otero Pedrayo de Ourense, IES Plurilingüe de Ames, IES Plurilingüe Fontexería de Muros, IES de Pontecaldelas, IES Rafael Dieste da Coruña, IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña, IES de Sanxenxo, IES de Sar de Santiago IES Terra do Xallas de Santa Comba e IES Xelmirez de Santiago de Compostela.


Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As tres primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ xa desenvolveran con grande éxito no 2016, 2017 e 2018 uns 250 talleres de comunicación, polo que esta iniciativa xa levou a comunicación a uns 10.000 escolares de toda Galicia.


A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar