O PPdeG non perdeu

NAS noites electorais, Manuel Fraga o primeiro dato que pedía era o resultado do concello de Vilalba. Que diría esta vez: o PP perdeu por vez primeira nunhas eleccións xerais a maioría absoluta, cando no 1993 e no 2000, superou o 70% dos sufraxios emitidos.

Todo un símbolo do novo PP en Galiza. Un PP que perdeu a metade dos seus votos desde a chegada de Núñez Feixó a presidencia do partido. Un PP que foi derrotado polo PSOE nunhas eleccións xerais. Un PP que perdeu a maioría absoluta en 108 concellos, sendo superado polo PSOE en cada unha das sete cidades e en 117 concellos.

Un PP que perdeu a metade dos seus votos na emigración e desangrouse en todos e cada un dos concellos.

Unha dereita, comandada polo PP (con Cs e Vox) que foi superada en dez puntos, dez, pola esquerda estatal e os nacionalistas. Así que non pode botárselle a culpa a división do denominado «trifachito». O medo ao franquismo foi, precisamente, o que mobilizou en contra ao electorado.

Ben é certo que o PP conseguiu en Galiza 11 puntos máis que a media estatal. Pero, tamén é certo que en ningún lugar conta co poder que ostenta en Galiza, nin cunha rede clientelar tan engraxada…, nin cunha poboación tan envellecida, que é a sua principal artesa de votos.

E se analizamos Ourense, último reduto do que foi o PPdG, vemos que superou en sete puntos ao PP no conxunto de Galiza e en 18 a media do PP no Estado.

Se algo mostran os resultados do 28-A é que o PPdG xa non existe. Matárono cando a vitoria de Núñez Feixó sobre Xosé Cuíña, coa rendición incondicional de Xosé Manuel Barreiro e o numantinismo dos Baltar en Ourense.

O PPdG non era, contrariamente ao que se afirma, coma un partidos confederado, «ao estilo bávaro», senón unha confederación provincial de partidos a nivel galego.

A unicidade, imposta desde Madrid, a que só se lle resiste a aldea galega de Ourense, finiquitou aos axentes electorais, restándolles poder e capacidade de interlocución, e, por ende, ao PPdG, que abrazou a política emanada desde Madrid.

Núñez Feixó non é un «galeguista» nin un «centrista», como quere agora aparentar.

Esquezamos as palabras e vaiamos aos feitos.

Só un dato: utilizou o galego como arma de combate, contrariamente ao que propugnaban Cuíña, Barreiro e Baltar, e logo ditou leis para minoralo aínda máis, como símbolo supremo da supeditación da política galega aos designios de Madrid e apoio explícito a Aznar na súa ruptura do pacto coas burguesías vasca e catalá, que lle permitiran a estas recuperar os estatutos antes da Constitución e logo a aprobación da da Carta Magna.

Se queren outros datos, pensen na sanidade e nos servizos sociais… Xa o dixo Feixó antonte: «deixamos de ser quen somos». Faltoulle dicir: «eu son culpábel».

Afonso Eiré, xornalista e escritor

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar