Día das Letras Galegas:O profesorado afonda na traxectoria de Antonio Fraguas

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo, Valentín García, e o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Jesús Oitavén, participaron na apertura da V Xornada do Día das Letras Galegas, que reúne no compostelán Pazo de San Roque a profesorado das catro provincias galegas arredor da figura de Antonio Fraguas Fraguas, a quen este ano se lle dedicará o 17 de maio.

Valentín García mostrou o seu convencemento de que os participantes nesta xornada formativa “sairán cun coñecemento profundo sobre o polígrafo de Cotobade; un coñecemento que poderán trasladar ás aulas e ás actividades dos equipos de dinamización da lingua galega nas vindeiras semanas”. Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística incidiu na necesidade de levar aos colexios e institutos “o exemplo de compromiso inquebrantable coa lingua e coa cultura de Galicia que representa Antonio Fraguas”.

Cos mencionados secretarios xerais, participaron na inauguración da V Xornada do Día das Letras Galegas o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e o presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Justo Beramendi.

Relatorios e experiencias

Tras a inauguración, os participantes na Xornada Día das Letras Galegas asistiron a unha serie de relatorios a cargo de Justo Beramendi, Clodio González, Malores Villanueva, Manuel González Reboredo, Héctor Cajaraville, Rosario Baleirón e Belén Rodríguez. Neles abordáronse diferentes aspectos da figura de Antonio Fraguas, como a súa biografía, o seu galeguismo, a súa faceta de investigador ou a de divulgador da cultura popular. Durante os descansos, o profesorado tivo ocasión de asistir ao espectáculo de maxia de Magoel ou ver como o artista Chere realiza un retrato de Fraguas con café.

A xornada vespertina comeza no Museo do Pobo Galego, onde Carme Campo analiza as posibilidades didácticas deste espazo. A continuación, profesorado do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo, do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago, do Seminario Galán e do CEIP Plurilingüe de Mosteirón, en Sada, presentan as súas experiencias de traballo arredor da obra de Antonio Fraguas Fraguas.

Celebración das Letras Galegas

A V Xornada do Día das Letras Galegas está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) no marco da programación que a Xunta de Galicia destina a conmemorar o 17 de maio e a difundir a vida e a obra do autor homenaxeado en tal data. Poden consultarse máis iniciativas e materiais relacionados con esta celebración no Portal da Lingua Galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar