O último de Mercedes Peón, mellor album europeo

 ‘Deixaas’ (Altafonte, 2018), o último de Mercedes Peón, vén de ser nominado a mellor álbum europeo nos Songlines Music Awards, os premios da máis prestixiosa revista de ‘world music’, a británica Songlines. Na mesma categoría compiten tamén a portuguesa Mariza, co seu traballo homónimo, o británico Sam Sweeney (The Unfinished Violin) e o grupo dinamarqués Dreamers’ Circus (‘Rooftop Sessions’).

Os discos son elixidos, en todas as categorías, por xornalistas especializados desta publicación. Tamén están nominados noutras categorías artistas como a maliense Fatoumata Diawara, os brasileiros Biziga 70 ou a colombiana Totó La Momposina. Os gañadores de cada categoría daranse a coñecer o 10 de maio no novo número da revista e serán entregados nunha cerimonia posterior. 

Este álbum xa fora incluído entre os 15 mellores álbumes europeos de 2018 pola mesma publicación: https://www.songlines.co.uk/explore/guides-and-lists/the-15-five-star-european-albums-of-2018

‘Deixaas’ saíu á rúa o 27 de abril de 2018. É o seu agardadísimo quinto disco en solitario que chegaba oito anos despois do último, ‘SOS’. Neste novo traballo, Mercedes Peón racha clichés estéticos e musicais, dá un paso máis na súa carreira e lévanos á evolución natural e contemporánea da súa música: mestizaxe entre industria e artesanía, vangarda e tradición entretecidas. É difícil atopar artistas similares no mundo que igualen a cima musical, estética e conceptual acadada por Mercedes Peón en ‘Deixaas’.

Mercedes Peón

Mercedes Peón está considerada como unha das mulleres máis carismáticas do circuito da world music actual. Naceu en 1967 e aos 13 anos escoitou cantar a varias mulleres da Costa Da Morte. O tocar da pandeireta e o cantar da ribeirana foi o detonante para recoller as cancións, bailes, contos e vivencias dos seus contemporáneos habitantes das aldeas. Transmitiu todo ese coñecemento a través do ensino, nas escolas municipais, na Televisión Galega, e en universidades como La Sorbone, Porto, Gales, etc.

A variedade das súas composicións que arrancan desde a polirritmia baixo a mirada dos ritmos máis ancestrais, culminan en temas eclécticos e descaradamente vibrantes, o seu amplo repertorio, o embruxo e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións, fan desta muller, unha aposta segura pola continuidade da escena etnocontemporánea en Europa.

Despois de profundizar na tradición durante máis de 25 anos, no 2000 gravou o seu primeiro álbum chamado Isué. Expresouse libre de clichés, e espallouse polo eido internacional sen ningún esforzo mediático. Nos seus traballos posteriores – Ajrú no 2004 e Sihá no 2007 – as súas composicións levárona a unha particular atmósfera case rozando o electroacústico, facendo do resultado o seu sinal distintivo dentro e fóra das nosas fronteiras.  A finais do 2010, sae o seu cuarto traballo discográfico …—… (Sós), música de vangarda, catalogado como maduro, fresco, sorprendente, creativo. Inxeniosa e profundamente conceptual, amósanos unha evolución ou un momento da sua carreira especialmente brillante.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar