O territorio humano da linguaxe


Estiven na Córdoba arxentina con ocasión da Festa da Palabra que arrodeou o VIII Congreso da Lingua Española para dar a miña opinión sobre a linguaxe inclusiva, asunto que quedara formalmente fóra do programa oficial das academias, pero foi abondo tratado nos actos organizados polo goberno provincial.

Mágoa de oportunidade desaproveitada para abordar unha demanda que non fará máis que medrar, porque o reto lanzado polo feminismo non caerá no esquecemento. A razón para non incluílo foi «a escasa urxencia» do asunto, pero a teimuda realidade fixo que se denunciase por figuras de grande prestixio e entidade literaria, non casualmente do sexo feminino, que tiveron intervencións moi comentadas.

María Teresa Andruetto, escritora arxentina gañadora do insigne premio de literatura infantil e xuvenil Hans Christian Andersen, fixo un discurso de peche do congreso cualificado nas crónicas como crítico e maxistral. Denunciou que «de 250 poñentes de 32 países non houbo nin unha soa mesa de discusión sobre un tema como é a inclusión de xénero, vivamente presente na axenda actual, tanto de América Latina como de España! A linguaxe inclusiva sitúanos perante a carga ideolóxica da lingua, que habitualmente nos é invisible […]. Resulta abraiante que non se incluíse sequera unha mesa de discusión sobre algo que está a remexer os alicerces das nosas sociedades».

Previamente, a galega-arxentina Claudia Piñeiro, que participou nunha mesa sobre literatura, oralidade e folclore cun discurso ovacionado por impactante e conmovedor, criticou a «férrea oposición de moitos a que a lingua se modifique adoptando os usos introducidos pola perspectiva de xénero […], argumentando desde unha suposta superioridade, con subestimación e algo de prepotencia. Coma o conquistador que impón as súas regras noutro territorio. E neste caso, e neste século, o territorio non é xeográfico, senón humano: a muller e os xéneros non binarios».

Son dous exemplos relevantes da frustración xerada por deixar fóra dos debates algo que atinxe a case 300 millóns de persoas, tantas como o 52 % da poboación do territorio contemplado. Mais, de non tratarse cos medios, coñecemento e talante axeitados por quen ten as ferramentas e a autoridade institucional para facelo, a resposta virá da rúa e chegará airada pola insensibilidade ante un reclamo natural nunha sociedade que evoluciona. A igualdade real entre os sexos precisa que a lingua española -e a galega- consiga conciliar o xénero gramatical co xénero social.

No entanto, e xa aquí, aplausos e ledicia pola incorporación de Ana Romaní á Academia Galega, onde xa estaban Margarita Ledo, Marilar Aleixandre, Rosario Álvarez, Luz Pozo, Chus Pato e Fina Casalderrey. Non perdemos a esperanza. Por primeira vez na historia somos a terceira parte do plenario.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar