A Xunta aposta pola colaboración público-privada para a industria

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu á entrega dos Premios Industria 4.0 na Cidade da Cultura, onde destacou que a colaboración público-privada é a fórmula coa que Galicia pode dar resposta aos retos da Industria 4.0, tal e como demostran os proxectos colaborativos protagonistas destes galardóns.

Nesta terceira edición prémianse seis proxectos liderados por outros tantos clústeres e coa participación de medio centenar de pemes. En concreto, trátase de iniciativas que permitirán avanzar na implantación da fábrica intelixente nos sectores estratéxicos de Galicia.

Así, o Clúster da Automoción de Galicia (Ceaga) lidera un proxecto centrado na dixitalización dos procesos na industria da automoción; o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) está á fronte de iFood4.0, pensando na industria alimentaria do futuro; o Consorcio Aeronáutico impulsa un proxecto neste eido; o Clúster do Granito de Galicia abarca unha iniciativa para incorporar as novas tecnoloxías ao sector da pedra natural; e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e o Clúster Naval Galego (Aclunaga) liderarán iniciativas para seguir incorporando novas tecnoloxías ás dúas industrias. Todas estas iniciativas recibirán 25.000 euros e unha axuda para a execución do proxecto premiado.

Conde destacou a aposta de Galicia por este novo modelo produtivo no que a innovación, as novas tecnoloxías e a dixitalización permiten ás empresas dar resposta ás demandas actuais e pediu ao tecido empresarial que se implique, ademais, na oferta dunha formación adaptada ás necesidades reais das compañías porque, segundo concluíu “sen innovación e sen formación non hai futuro”.

Finalmente, Conde explicou que estes proxectos premiados, xunto con outras iniciativas que se están levando a cabo en Galicia no eido da fábrica intelixente, son a proba de que a modernización do tecido produtivo está en marcha e é imparable. Neste sentido, subliñou que o esforzo para incorporar a Industria 4.0 ao día a día das empresas galegas está consolidando unha Marca Galicia que permite exportar a imaxe dunha Comunidade atractiva onde investir.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar