Patrimonio monumental


Na tarde do martes, arrepiounos o impacto de saber que estaba ardendo a catedral da Nosa Señora, Notre Dame, de París. E se ao principio se puido pensar nun atentado terrorista, todo parece indicar que foi un infortunado accidente, relacionado coas obras de restauración ou mantemento que se estaban a realizar.

As imaxes que os medios audiovisuais nos ofrecen do estado actual do primeiro templo de París, que se salvou dos desastres das guerras máis salvaxes, e do paso dunha ducia de séculos, evidencia que calquera elemento físico que nos rodea pode ser afectado, nun momento desgraciado, por unha catástrofe.

Que se nos diga que o incendio se extendeu rapidísimamente porque o tellado estaba soportado por madeiras de novecentos anos de antigüidade, non fai máis que agudizar as nosas preocupacións polos centos de monumentos existentes arredor de nós, moitos sen vixianza, en perigo por desatencións e aillamento; ducias de igrexas dos séculos XII, XIII, XIV, espalladas polo noso rural que a medida que queda sen habitantes tamén quedan desatendidas, expostas a calquera circunstancia adversa.

No incendio de Notre Dame non se puido facer máis do que se fixo, e ponse de manifesto que o incendio puxo en marcha un riguroso protocolo de actuación que permitiu salvar reliquias tales como a capa do rei San Luis, ou a coroa de espiñas que se supón puido cinguir a cabeza de Xesús, o tesouro da catedral, e moitos elementos móviles que se salvaron da catástrofe. E agardamos qie nos nosos primeiros monumentos existan protocolos polo estilo, ou se poñan en marcha aprendendo do acontecido en Francia, para nun caso extremo salvar o máis posible dun valioso tesouro que temos a obriga de conservar e trnasmitir ás próximas xeneracións.

As reformas que se teñan feito nos nosos monumentos, por exemplo na Catedral de Santiago, reducen o perigo de incendio, ao ter sustituido elementos vulnerables por outros máis resistentes, pero aínda así esta catástrofe ten que facernos pensar e  planificar que, diante de calquera accidente, se saiba o que hai que facer, como facelo, e contar co equipo humano preciso.

Arrepiados polo acontecido en Notre Dame, aprendamos do acontecido, nós, tan ricos en monumentalidade; obrigados a preocuparnos para conservar esa riqueza para os que nos sucedan.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar