«Vacaciones en paz» de nenos saharauis en Ourense

O Concello de Ourense ten aberto o prazo de inscrición para as familias que estean interesadas en participar este verán na próxima edición do programa ‘Vacacións en paz’ de acollida a nenos e nenas saharauís, de entre 8 e 12 anos de idade, que viven nos campamentos de refuxiados do Tinduf. A solicitude pode realizarse no Rexistro xeral do Concello ou a través da sede electrónica, dirixida á Concellería de Asuntos Sociais: Programa de Inmigrantes e Emigrantes Retornados.

A iniciativa naceu en 1996, dando lugar á colaboración entre o Concello de Ourense e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

O programa desenvólvese entre os meses de xullo e agosto e o seu obxectivo é evitar que a cativada permaneza no deserto nos meses de máis calor, que en ocasións superan os 50º á sombra, darlles a coñecer unha nova cultura, un novo idioma e uns novos costumes promovendo a súa participación en actividades de lecer que reforcen as relacións con outros menores residentes na cidade. Tamén se busca búscase favorecer o desenvolvemento físico saudable, a través de revisións médicas, necesarias polas condicións extremas nas que viven. Terán asistencia médica gratuíta grazas a un convenio co SERGAS. A selección dos nenos e as nenas participantes corre a cargo do propio pobo saharauí.

O sistema de acollida é sinxelo: as familias interesadas en acoller deben estar empadroadas e residir en Ourense. Recibirán unha charla formativa, a cargo da Asociación de Axuda ao Sáhara, para informarlles do idioma, cultura, costumes da rapazada e daranlles pautas para unha boa convivencia. Tamén se fará un seguimento da acollida: incidencias, tratamentos médicos, organízanse actividades de lecer e se apoia a estancia nas familias cun monitor saharauí.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar