A editorial Hércules publica un libro con rutas literarias que percorren a vida de Antonio Fraguas



Hércules de Ediciones únese ás homenaxes ao escritor Antonio Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas, a fin de contribuír a preservar a riqueza do seu legado intelectual. Así, a editorial publicou “Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios” (Hércules de Ediciones, 2019), unha obra dirixida principalmente a escolares, pero que pretende achegar a súa figura a calquera persoa interesada, de xeito didáctico e buscando integrar a súa vida e obra.


Baixo a coordinación de Charo Baleirón Sóñora, este libro recolle varias rutas literarias a través de vilas e lugares que marcaron a vida de Antonio Fraguas combinando paradas en puntos clave con datos biográficos, anécdotas e textos literarios.


Nas últimas páxinas, inclúe tamén unha proposta de actividades para facer con nenos e nenas de infantil ata bacharelato en torno a este singular escritor nacido en Cotobade. Para que a lectura sexa dinámica e interactiva os textos das rutas compleméntanse con imaxes evocadoras e códigos QR que levan a puntos de interese en mapas ou sitios web onde o lector pode atopar máis información sobre o tema que está a ser tratado.


Con este libro, Hércules de Ediciones comeza a súa colección de “Unidades didácticas das Letras Galegas”, a través da cal cada ano dedicará unha publicación ao protagonista homenaxeado nesta efeméride.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar