Eche o que hai, Ana Pontón

PAROLABA co meu amigo Paco, do PP de toda a vida, dos trasacordos de Núñez Feixó en materia de transferencias autonómicas. Nun momento dado, olloume en fite, levantou a cunca, deulle un grolo e contestoume:

– Éche o que hai, meu amigo.

Eu entendino. Non sei se Ana Pontón sabería o que quixo dicir. Porque a dirixente do BNG, polo que afirmou esta semana no Parlamento, está totalmente trabucada.

Nin Núñez Feixó é “un presidente teledirixido desde Madrid”, nin tampouco é un ninguén, “sen peso no PP” onde fai e desfai Casado.

E se non consigue a transferencia da AP-9 en 24 horas como fixo o PNV, non é por falta de peso político, senón, sinxelamente, porque non esta pola labor.

Certo é que a demandou, e aínda fixo que se alporizaba, cando foi transferida a AP-68 ao goberno vasco. Pero iso só era unha pose electoral. Debería de sabelo a señora Ana Pontón. Como tamén debería saber que, se o BNG tivese os cinco deputados que ten en Madrid o PNV, tería a transferencia arranxada.

Se, na última década, Galiza non obtivo ningunha transferencia do Estado non foi por falta de peso político, senón por seguir a política recentralizadora que puxo en marcha o PP e que se evidenciou en recortes de parlamentarios ou de organismos como realizaron en Castilla La Mancha, La Rioja ou Asturias.

Contestoullo claramente, señora Pontón, o presidente no Parlamento: “Non queremos máis transferencias”. Outra cousa é que non vaia polo dereito, nunca o fai, o renarte, e afirme que é culpa de Bildu, dos nacionalistas do Bloque ou dos independentistas cataláns.

Antes de estalar a crise de Estado co “problema catalán”, xa a FAES deseñara a recentralización e a asunción das principais competencias transferidas por parte do Estado.

Como é necesario unha fonda reforma legal, realizárono na práctica e Feixó converteuse en alumno avantaxado. El foi o primeiro en minguar o rango do galego que propugnaba Aznar xa antes ca Casado e, xa que logo, en privatizar a sanidade, en realizar os recortes sociais… Era boa o de pedir máis competencias!

O problema é que Feixó non pode explicitar as súas políticas e Casado si o fai, porque con quen compite é cos seus ex compañeiros de partido: Vox.

Que Galiza non ten Ferrocarril, nin policía propia, nin tráfico, nin autoestradas, nin sistema penitenciario, nin caixas de aforro, nin dereito civil propio como Cataluña e máis Euskadi. Que Galiza, na práctica non é unha nacionalidade histórica… Se é así é porque así o quere o PP. Feixó foi claro ao comezo desta campaña: “A miña prioridade é defender a España dos independentismos”.

Évos o que hai.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar