A Real Filharmonía de Galicia rende homenaxe ao compositor galego Andrés Gaos no 60º aniversario do falecemento



A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono o vindeiro
mércores, 17 de abril, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. A batuta levaraa o mestre
valenciano Rubén Gimeno, que substitúe ao director titular e artístico da RFG, Paul
Daniel, que tivo que cancelar a súa participación neste concerto por enfermidade.
O programa, titulado “Á memoria dun anxo”, é unha homenaxe ao compositor e violinista
galego Andrés Gaos (1874-1959), coincidindo co 60º aniversario do seu falecemento e no
marco dos actos conmemorativos do “Ano Gaos 2019”, que promove a Universidade de
Santiago. O concerto comezará con Impresión nocturna, que compuxo para a Exposición
Internacional de París en 1937. Os músicos interpretarán ademais a súa obra Temporal,
encadrada dentro do nacionalismo musical arxentino, do que Gaos foi un dos seus
principais representantes.

A orquestra achegará ao público algunhas das cancións más populares de Gaos,
orquestradas polo compositor Joam Trillo para esta ocasión. Así, soará Rosa de abril, a súa
derradeira composición, baseada nun poema galego de Rosalía de Castro, na que o músico
amosa a lembranza da súa terra natal, a pesar de que xa había máis de sesenta anos que
emigrara a Arxentina. De seguido escoitaranse catro das súas cancións francesas: Au point
du jour, La rose, Fleur morante e Premier printemps!.
Estas cancións serán interpretadas pola mezzosoprano catalá Marta Infante. Realizou
estudos superiores de Canto na Universidade de Ostrava (República Checa) e dende o
inicio da súa carreira profesional céntrase no eido da música sinfónica, con atención
especial á música antiga. Ten cantado en numerosos países europeos e nas principais
cidades de Sudamérica, Oriente Medio e Xapón.
Ademais, o programa inclúe a Fantasía sobre un tema de Thomas Tallis do británico Ralph
Vaughan Williams (1872-1958), denominada así en alusión ao autor orixinal da melodía
principal na que se basea, Thomas Tallis, un dos compositores de música sacra máis
importantes do século XVI.



O virtusiosimo de Ye-Eun Choi ao violín
A cita concluirá co Concerto para violín “Á memoria dun anxo” do austríaco Alban Berg
(1885-1935), estreado postumamente en Barcelona en 1936. A obra está dedicada a
Manon, a filla da compositora Alma Mahler, falecida cando só contaba dezaoito anos. A
obra expresa a candidez da homenaxeada e as sucesivas expresións orquestrais supoñen o
contraste como símbolo da proximidade da morte.
O concerto será interpretado pola violinista coreana Ye-Eun Choi. O seu lirismo e
virtuosismo téñenlle valido a aclamación tanto como solista como en formacións de
cámara. Foi descuberta e avalada pola violinista alemá Anne-Sophie Mutter aos 16 anos.
Na temporada pasada tocou o Concerto para violín de Bruch baixo a batuta de Mariss
Jansons coa Orquestra da Radio de Baviera e a Musikhochschule de Múnic, e actuou coa
American Dream Orchestra en Los Ángeles e no North Wales International Music Festival.
Ademais, foi de novo convidada pola Filharmónica de Seúl para participar nun concerto
durante o Día da Liberación Nacional de Corea. No Festival Concordia en Kazán
interpretou A Metamorfose de K. Penderecki, dirixida polo propio compositor. E participou
nunha xira cos “Virtuosi” de Anne-Sophie Mutter.
Entre os seus numerosos premios destacan o «Rising Star» en 2007 da League of American
Orchestras e «Young Artist» nos European Cultural Awards en 2013. Afincada en Múnic,
naceu en Seúl, debutando coa orquestra da súa cidade aos 10 anos. Toca o violín Parma
de J. B. Guadagnini de 1765.
Charla previa co director Rubén Gimeno e con investigadores do “Ano Gaos”
Antes da celebración do concerto, o público terá a oportunidade de manter unha charla
previa co mestre Rubén Gimeno e con investigadores do “Ano Gaos” da Universidade de
Santiago, ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase
dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto,
coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase
participar neste encontro presentando a entrada do concerto.
Gimeno foi Director Titular da Orquestra Simfònica del Vallés desde 2009 ata a temporada
2015-2016. Así mesmo, foi Director Artístico da Xove Orquestra da Sinfónica de Galicia
durante seis años, labor que simultaneou co posto de violinista da Sinfónica de Galicia.
Como director convidado ten colaborado con boa parte das orquestras españolas e fóra
das nosas fronteiras ten dirixido importantes agrupacións en Europa, América e Asia.
Obtivo o Máster en Dirección de Orquestra na Universidade de Maryland. Con
posterioridade estudou no Conservatorio de Estocolmo, onde obtivo o Diploma Superior
en Dirección de Orquestra e se formou con mestres do talle de Esa-Pekka Salonen.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar