Os GAL do PP

CANDO hai dous anos pechou a Comisión de Investigación creada no Congreso coa conclusión de que desde o Ministerio do Interior crearan unha estrutura con fondos reservados para perseguir aos rivais políticos do PP, ninguén semellou darse por notificado. Os cargos políticos responsábeis, comezando polo ministro Fernández Díaz, seguiron no seu posto. O PSOE ollou para outro lado porque o comisario Villarejo traballou para todos os seus ministros do Interior, tamén para Alfredo Pérez Rubalcaba, que foi quen o ascendeu a comisario, aínda que non tiña as cualificacións necesarias, e lle entregou a Medalla ao Mérito Policial. Os de Ciudadanos axudáronlles.

Sabemos que todos os estados teñen servizos secretos e, dentro deles, uns sumidoiros para-legais que fan traballos que non se poden saber que realizan. Pero estes policías e os seus mandos «non eran patriotas, traballaban ao servizo de intereses persoais e dos dirixentes dun partido político», en palabras da Agrupación R­eformista de Policías.

Hai algunhas diferencias claras entre esta policía patriótica, con outras operacións máis ou menos opacas que montan os servizos secretos e non só é «o método», como afirma Fernándo Ónega. Villarejo, Del Pino e os seus, non só investigaban a partidos políticos e aos seus dirixentes. É algo que fan todos os servizos secretos e posúen unha base de datos que poñen en coñecemento do goberno de quenda, mesmo para nomear ministros e outros cargos, incluídos a directores de xornais. A diferencia radica en que esta especie de GAL do PP non só investigaba aos adversarios deste partido político, senón que fabricaba probas falsas que, membros da trama, facían chegar aos xulgados, para gañar eleccións.

Pero existen aínda outras dúas características que os diferencian das operacións que podería realizar, por exemplo, algunha sección do CNI.

A primeira que entorpecían a acción da Xustiza contra o PP, ocultando e destruíndo probas. A segunda que, esta mesma policía política, chantaxeaba a cidadáns e participaba activamente en operacións de calado económico.

Pero aínda se reviste doutro xeito de actuar máis rechamante: a posta en marcha dunha rama mediática encargada de difundir esas probas falsas coma se fosen verdade, creando medios ad hoc, mercando xornalistas ou pedíndolle a directores que o pubicasen en portada.

Se o ministro do Interior declara que a trama policial está desmantelada, non pasa o mesmo coa mediática.

Afirmou Iñaki Gabilondo que «Pablo Iglesias é dos nosos» e que esta espionaxe é un escándalo que non se pode deixar pasar. Elemental! Cando se trataba de destruír aos partidos soberanistas todo o mundo calaba. Tapar a merda converteuse en cuestión de Estado.

Xornalista

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar