O dúo Vudú presenta o seu novo disco na Casa das Crechas

 

Este xoves 11 de abril a Casa das Crechas acolle o concerto do dúo Vudú, formado por Belém Tajes –voces e teclado- e Maritxinha –baixo e loops-, que nos presentarán ‘Vudú Vol. III’, o seu último disco.

No ano 2016, a banda faise co premio á mellor canción en Galego por ‘Eu son VooDoo’ no certame Musica Xove e ao ano seguinte, acadan o Premio Martín Códax da Música galega na categoría Blues/Funk/Soul. Deste xeito conseguen consolidarse no seu estilo, íntimo e elegante, e comezan a explorar novos formatos en directo até chegar á proposta que as define na actualidade: música íntima e elegante para ‘grandespequenos’ momentos. 

Co seu primeiro disco editado, ‘Vudú Vol III’ combinan letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas con ritmos pop, percusións electrónicas e tintes jazz e soul. Vudú é unha música de esencia feminina, chea de sensualidade que pretende reivindicar a forza dos cantos tradicionais de Galicia.

‘VUDÚ VOL. III’, o disco

Vudú Vol. III’ supón o peche dunha triloxía e o inicio dunha nova etapa. Con este traballo, Belém Tajes e Maritxinha preséntannos o seu primeiro disco longo editado, cheo de sons máis pop ca nunca, percusións electrónicas e os seus inconfundibles ritmos de jazz e soul.

Partindo de letras tradicionais, Vudú atrévese nesta ocasión tamén con ritmos cercanos aos anos cincuenta en temas como ‘Xa me dixo’, a versionar cancións populares como en ‘Unha noite na eira do trigo’ e ‘Eu chorar chorei’ e tamén a presentarnos propostas de composición propia coma o é ‘Lingua’, que xira arredor das linguas minorizadas.

Vudú Vol. III foi gravado en Drum&Roll (A Coruña) e El Observatorio Musical (Madrid). Conta con Nicolás Viéites na produción musical e con colaboradores e colaboradoras moi especiais como Adrián Seijas (Misterioso viaje a Holanda, Xoel López) nas percusións ou Nata Álvarez (Swingdigentes) ao saxofón.

Se precisan máis información, non dubiden en chamarnos. 

Moitas grazas e un saúdo, 

Casa das Crechas 

Comunicación +34 699.945.778

casadascrechas.comunicacion@gmail.com

www.casadascrechas.gal

PROGRAMACIÓN DE ABRIL DE 2019

MÉRCORES 10, 24 22:30 1,50 €

FOLIADA COA BANDA DAS CRECHAS

DOMINGO 14, 21, 28 21:00 5€

JAZZ CON SUMRRA 

XOVES 11 21:00 5€

Vudú (“Vudú vol iii”)

Vudú son Belém Tajes –voces e teclado- e Maritxinha –baixo e loops-. No ano 2016, a banda faise co premio á mellor canción en Galego por ‘Eu son VooDoo’ no certame Musica Xove e ao ano seguinte, acadan o Premio Martín Códax da Música galega na categoría Blues/Funk/Soul. Deste xeito conseguen consolidarse no seu estilo, íntimo e elegante, e comezan a explorar novos formatos en directo até chegar á proposta que as define na actualidade: música íntima e elegante para ‘grandespequenos’ momentos.

VENRES 12 21:00 5€ 

INCONEXIÓN (L.A.R. LEGIDO e MANUEL AMIGO)

Despois de tantos anos e centos de concertos, LAR Legido (Sumrrá) e Manuel Amigo (Banda das Crechas) deciden xuntar os dous mundos crechianos nun espectáculo inconexo no que contarán con colaboracións moi especiais. Música, porque sí. Cante, porque sí. Alegría inconexa, por que non?.

MARTES 16 21:00 6€

CAYUCO

CAYUCO é o nome dunha embarcación dun só tronco usada polos africanos para cruzar as  fronteiras, pero tamén é o nome do novo grupo formado por Sérgio Tannus (guitarra eléctrica, viola caipira, mandolina, baixo e voz), Maurício Caruso (guitarra eléctrica e baixo) e LAR Legido (batería).
Como o propio nome din, a proposta musical é xustamente viaxar, romper os límites da musicalidade.
Deixarse levar e navegar por tódolos continentes e estilos musicais. Dende África á Europa, Brasil a Galiza…sen fronteiras.
CAYUCO é utopía. CAYUCO é o noso pase para a liberdade!

XOVES 18 21:00 5€

FLORES ROTAS. “Flores rotas Jim Jarmusch inspiration music”

Dúo de improvisación, que basa a súa música no imaxinario fílmico do cineasta norteamericano  Jim Jarmusch. Non tocan as músicas dos filmes; simplemente, déixanse levar polo que as imaxes, historias, e os propios títulos das películas lles transmiten, dándolle unha nova dimensión á interpretación que fan na linguaxe da improvisación libre, onde case todo é posible para levar á audiencia por unha ruta que vai do branco e negro a cor, do absurdo á poesía.

Eles son: 

Margarida Mariño: violonchelo + electrónica

Pablo “Sax” F. Sinde: saxofóns, percusións + electrónica

SÁBADO 20 21:00 6€/8€ (Girando por Salas)

aurora 

Aurora reúne un grupo de talentos xurdidos da Escuela Superior del Taller de Músics. O novo cantaor Pere Martínez, Max Villavecchia ao piano, Javi Garrabella ao baixo e Joan Carles Marí á batería. Acompañados por Jose Manuel Álvarez ao baile emprenden esta nova aventura musical que viaxará polas cancións máis populares do compositor Manuel de Falla para evolucionar cara a linguaxes que transgreden as sonoridades tradicionais e explorar a fusión con outras estéticas. Además da obra do compositor de Cádiz, Aurora tamén homenaxeará outras figuras destacadas como Lorca, Albéniz e Pedrell. A formación levará as composicións a un terreo cercano ao jazz e ao flamenco, afastándose do clásico pero conservando a identidade.

XOVES 25 

CELEBRAMOS a Revolución dos cravos

VENRES 26 21:00 3 €

DEQUENVESSENDO

Dequenvessendo é un novo grupo de folk creado na Coruña e formado por sete compoñentes: Miguel Rosales Reboiras (acordeón e teclado), Pablo Rosales Reboiras (zanfona, whistle e gaita), Miguel Ocampo Bermúdez (percusión), Bieito Romero Diéguez (frauta traveseira e gaita), Nathael Regueiro Arguibel (guitarras), Irene Cerqueiro Espinosa (frauta, teclado e voz) e Javier Ferreiro Barreiro (son) a partir da A.C. Triskell de Armentón, Arteixo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar