A proba ciclista “Challenge, os 4 días de Ourense” une termalismo, deporte e turismo


O Deporte, termalismo e turismo, son os elementos principais que conforman a proba ciclista “Challenge los 4 días de Ourense”, unha iniciativa que se celebrará entre os días 18 ao 21 de abril no concello de Baños de Molgas, organizada pola Deputación de Ourense –por medio do Inorde- e a Fundación ADO Moure para difundir os valores da práctica deportiva en todas as idades. Con percorridos que van dos 69 aos 80 quilómetros, a proba conta con etapas de diferentes dificultades, “sendo o máis importante que se trata dun evento deportivo para todos, que contribúe a difundir a riqueza termal, paisaxística e natural da provincia, motivo polo cal a Deputación de Ourense apoia esta iniciativa que destaca os valores de saúde, sacrificio e convivencia que tan ben definen ao deporte”, dixo Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, na presentación que tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial.

Neste sentido, o presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure, agradeceu a colaboración das diferentes institucións e empresas e dixo que o obxectivo desta proba “é que a xente coñeza a fermosa contorna de Baños de Molgas e os demais concellos limítrofes gozando da natureza e da bicicleta”. Tamén, o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias, remarcou que este evento “ten un carácter especial, polo que supón de compartir en familia unha actividade deportiva que achega dinamismo ao noso municipio”.

O xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez lembrou que o proxecto “Estacións”, co que supuxo de recuperación para as antigas estacións de ferrocarril como a de Baños de Molgas “contribuíu a impulsar o territorio”, e destacou ao turismo deportivo como “unha das grandes apostas de máis éxito da Deputación de Ourense”.

Carlos Barbosa, subdirector xeral de “La Región”, grupo empresarial que colabora co evento, expresou o agradecemento á Fundación ADO Moure e á Deputación de Ourense, subliñando “a alianza de colaboración que fai posible o desenvolvemento de actividades como esta”, que La Región apoia por medio dos seus soportes de comunicación, entre os que citou o suplemento +Deporte, comentando tamén o labor que ADO Moure fai a prol da seguridade viaria dos ciclistas.

As catro etapas do “Challenge los 4 días de Ourense” terán como punto de saída e chegada Baños de Molgas e percorrerán, ademais, os concellos de Maceda, Vilar de Barrio, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Taboadela e Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar