Ana Pastor na TVG:«Esiximos ao Goberno a transferencia da AP-9»

Ana Pastor Julián, presidenta do Congreso dos Deputados e candidata do Partido Popular por Pontevedra nas vindeiras eleccións xerais, foi entrevistada hoxe no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia. Na conversa con Marcos Sueiro, redactor xefe da TVG, fixo balance da súa experiencia como presidenta da cámara baixa e repasou asuntos da actualidade política galega, como a transferencia da AP-9.

Ana Pastor destacou, en primeiro lugar, que a lexislatura que remata foi “unha lexislatura distinta, moi fragmentada e con dous presidentes do Goberno” e que a presidencia da cámara é “una experiencia moi enriquecedora” na que ademais, pese a que haxa situacións complexas como se pode ver nalgúns debates, “a relación con todos os deputados é de moito respecto”. Sobre o seu partido, Pastor declarou que “quería seguir sendo candidata por Pontevedra, como levo sendo dende o ano 1996” e que “non puiden falar moito de política neste últimos tres anos por respecto á cámara que presido”.

A candidata popular esixiu ao goberno a transferencia da AP-9 e denunciou un tratamento inxusto para Galicia comparado coa situación do País Vasco. Pastor argumentou que “a transferencia non se facía por un tema técnico e xurídico, pero eses impedimentos non existiron coa transferencia para o País Vasco”. Segundo Pastor, “isto é unha mostra sobre como vai gobernar Pedro Sánchez, que debe favores aos seus compañeiros de viaxe na moción de censura”.

Arredor da situación de ENCE e Alcoa, destacou que logo de reunirse cos representantes dos traballadores “é preciso facer un esforzo e buscar alternativas”. Pastor destacou que “Alcoa precisa estabilidade nos prezos da enerxía e o Goberno de Sánchez xerou improvisación”. Con respecto a ENCE, manifestou que “a ninguén lle gusta, pero non podes pechala e mandar os traballadores ao paro”. “En Pontevedra estamos necesitados de emprego, hai unha alta taxa de paro na xuventude”, remarcou.

Por último, valorou que “fixemos cousas mal, pero cando goberna o PP á xente vaille mellor economicamente” e resaltou a experiencia do Partido Popular no goberno fronte a “outros candidatos cos que teremos que facer unha excursión pola provincia para que a coñezan”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar