TVG:Beatriz Pino, candidata de Cidadáns

Santiago. 05.04.2019.Beatriz Pino, xornalista e candidata de Ciudadanos ao Congreso dos Deputados por Pontevedra nas vindeiras eleccións xerais foi entrevistada esta mañá no ‘Bos días’ da TVG. Durante a entrevista con Marcos Sueiro avanzou as medidas que proporá o seu partido en materias como o despoboamento do rural galego ou o debate sobre a eutanasia, e fixo un repaso pola actualidade política cando faltan poucos días para o inicio da campaña electoral.

Sobre o debate social arredor da eutanasia, Pino sinalou que é “unha demanda social que está lexislada en moitos países de Europa” e detallou que o seu partido proporá un plan de coidados paliativos para facilitar a calidade de vida e “ao final desa longa etapa, sempre dentro do marco lexislativo e tendo en conta a opinión da persoa, da familia e dun comité de expertos, apoiaremos o dereito a unha morte digna”.

A candidata ao Congreso por Pontevedra tamén se referiu á situación de despoboamento no rural galego e declarou que “hai que ser conscientes do problema e afrontalo con medidas concretas” para o cal “Ciudadanos proporá que haxa un rebaixa do 60% no IRPF, en zonas con menos de 5.000 habitantes e unha tarifa reducida para mulleres e mozos de menos de 30 anos que decidan emprender no rural”. Pino criticou a falta de medidas concretas doutros partidos e destacou que “fomentaremos un apoio á natalidade, dando todas as facilidades”.

Arredor da situación das empresas Alcoa e Ence subliñou que “PP e PSOE non se preocuparon e non fixeron nada, o principal é que os traballadores non perdan os seus postos de traballo”. Con respecto de ENCE afirmou que “temos que pedir que se cumpran cos marcos de regulamento en canto ao medio ambiente” e que “se queda en Pontevedra tense que quedar con todas as garantías, non se poden saltar as leis”.

A candidata do partido laranxa rematou a entrevista facendo referencia á postura do seu partido con respecto ás dúas linguas oficiais de Galicia. Pino defendeu que “avogamos pola defensa das dúas linguas, sempre nun marco de liberdade de decisión, non podemos permitir que se impoña o uso dunha lingua, xa sexa galego ou castelán”. Ademais, criticou que sexa necesario saber galego para optar a un posto de traballo público, recalcando que “ten que ser un mérito, non unha esixencia”. Beatriz Pino sinalou que “hai polémica dende o momento en que se impón o galego para optar a postos de oposicións”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar