Leiceaga, voceiro do PSdeG, considera que «a Xunta debe centrarse a exportar»

Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz parlamentario do PSdeG, foi entrevistado hoxe no ‘Bos días’ da TVG, nunha conversa con Marcos Sueiro, redactor xefe, cando falta unha semana para o inicio da campaña electoral, en que repasou os seguintes temas:



«Celebro que o presidente da Xunta rectifique, en dous sentidos: primeiro, coa política de austeridade que veu defendendo todos estes anos e que en vez de reducir o endebedamento, como viña dicindo, agora poida dedicarse a outras cousas; e celebro tamén que coincida co noso partido en que é necesario que existan máis recursos para a sanidade en Galicia, cousa que viña negando reiteradamente ata agora. Eu creo que estas dúas cousas son benvidas. (…) Pero para iso é necesario rectificar a lexislación. Neste momento o que prevalece son os orzamentos prorrogados do 2018, que é un orzamento que impulsou Rajoy, que Feijóo non contestou«.

Capacidade do Goberno central para modificar o destino do superávit
«O Goberno acaba de publicar un decreto para permitir utilizar o superávit en investimentos financeiramente sostibles, que é o que está na lei. Se queremos outra cousa hai que cambiar a lei, pero o que lle está dicindo o PP a Sánchez é que goberne o menos posible. Eu creo que ten que aclararse«.
«Nós estamos de acordo en que é necesario reforzar o financiamento da sanidade e das políticas sociais en Galicia e se non é posible facelo dunha forma, Feijóo ten a capacidade e vai ter o apoio da oposición para modificar o seu orzamento e facelo con recursos propios».

Datos do paro: aumenta a creación de emprego en Galicia
«Galicia non é allea ao que sucede en España nin no conxunto do mundo. O Fondo Monetario Internacional está alertando da posibilidade dunha desaceleración económica en todo o mundo. (…) Neste contexto, creo que é unha boa noticia ver que o ritmo de crecemento de España e de Galicia se mantén… tamén na creación de emprego, seguimos creando emprego a un ritmo moi similar, e como ocorre nos últimos anos, Galicia por debaixo de España; non deixa de ser un problema estrutural que afecta a economía e a sociedade de Galicia. Eu creo que a política da Xunta de Galicia tiña que centrarse en exportar, non só á UE, senón aos países emerxentes».

En relación coas estratexias para afrontar a desaceleración económica, Leiceaga apuntou a necesidade de activar a economía todo o posible, “aumentando a eficacia e facendo todo o posible para que as empresas sexan competitivas”, e criticou que “os programas que ten a Xunta de Galicia para isto son os que teñen menos recursos”. Fernández Leiceaga sinalou que no que respecta á recadación tributaria “ten que ser máis eficaz” e que “é necesario subir os impostos a algúns segmentos sociais, pero subir o tipo de xuro efectivo, e conseguir que se pague de forma máis xusta”.

Arredor da situación de empresas galegas como Alcoa ou Ence, o portavoz socialista salientou que “temos que facer un esforzo para que sigan en Galicia. É unha cuestión clave na competitividade. Alcoa e Ferroatlántica teñen que seguir en Galicia da mellor maneira posible” e “Ence é importante para Galicia e hai que facer o posible para que siga na contorna da ría de Pontevedra. Onde? Hai que velo”.

…………………

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar