O balneario de Cuntis inicia un programa dos nenos contra o asma

O balneario Termas de Cuntis pon en marcha unha campaña para tratar enfermidades respiratorias en nenos e nenas de entre cinco e dezaseis anos, que se desenvolverá desde hoxe martes ata o 12 de abril, en horario de 17:00 a 19:00 horas. O equipo de médicos e fisioterapeutas de Termas de Cuntis deseñou un programa específico onde se combinan os eficaces tratamentos respiratorios, baseados nas augas mineromedicinais do balneario, con distintas actividades de tipo lúdico para que os rapaces se divirtan nas instalacións do balneario á vez que alivian síntomas propios de diversas doenzas respiratorias.

A médico do balneario, Cristina Pandelo, sinala que este programa de respiratorio infantil está baseado nas propiedades especiais das augas mineromedicinais de Termas de Cuntis e serve para tratar enfermidades respiratorias, como a asma, alerxias ou procesos catarrais. “Usamos técnicas de inhalación que limpan o aparato respiratorio grazas a auga termal, unha terapia natural que axuda a mellorar a función respiratoria” –explica–.

Aerosois ou nebulizadores, inhalacións, duchas nasais ou a estufa de vapor coas augas mineromedicinais son os tratamentos e exercicios respiratorios –para realizar fóra ou dentro da piscina terapéutica– indicados para abordar as distintas patoloxías nas vías respiratorias altas e baixas, tales como rinite, farinxite e otite, por unha banda, ou asma e bronquite crónica, polo outra.


Ademais, a médico sinala que os rapaces participarán en xogos de fisioterapia respiratoria no acquaform, unha técnica física para que aprendan a facer respiracións profundas con fin de mover o moco das vías respiratorias. “O obxecto desta técnica de fisioterapia é evitar infeccións causadas pola acumulación de moco e diminuír o consumo de medicamentos” –apunta–.

Web: http://www.termasdecuntis.es/

http://www.termasdecuntis.es/

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar