Santiago:Palmarés da 14ª MICE no Museo do Pobo Galego

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego entregou onte os premios correspondentes á súa 14ª edición. Nimble Fingers, de Parsifal Reparato, acadou o premio á Mellor Película Etnográfica: «por facer un retrato rigoroso das condicións e vicisitudes do traballo feminino en Vietnam e por mostrar, a través do cotián, aos aspectos subxacentes das transformacións socioeconómicas da globalización».

O xurado, formado Beli Martínez (docente e produtora); Pepe Calvo (antropólogo e director do Museo Etnográfico de Castela e León); Joan Roura (antropólogo e membro de AGANTRO), Ana Catarina Pereira (investigadora e docente na Universidade da Beira Interior) e José María Folgar (profesor de historia do cine na USC), decidiu ademais facer unha mención especial ao documental Curupira, bicho do mato, de Félix Blume por «ser unha obra con sensibilidade etnográfica, polifónica e de gran depuración técnica» e por ter «como eixo narrativo o son e a natureza sen xerarquías».
 
Por outra banda, o premio á Mellor Película Galega recaeu en Hora Silenciosa, de Noelia Mª Muíño. O xurado destacou dela «o tratamento do silencio, a ritualidade e a sociabilidade dunha comunidade e dunha forma de vida (a das relixiosas de clausura do convento de San Paio de Antealtares) que está en progresiva desaparición». O xurado tamén decidiu facer unha mención honorífica a Stockroom, de Sol Mussa «pola vontade de reflectir as tensións sociais do colectivo migrante en Reino Unido dende a subxectividade e a reflexión persoal». 
O premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, outorgado pola Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural, recaeu en Entre lobos de Adrien Camus, por ser a película que «mellor dispón os medios audiovisuais ao servizo da antropoloxía, mostrando as contradicións da cultura mapuche contemporánea nun contexto de éxodo rural, racismo institucional e demandas históricas desatendidas». 
  Por último, as votacións do público deron pola súa parte o premio a Mot de passe: Fajara das directoras Patricia Sánchez Mora e Séverine Sajous.  Unha mediometraxe gravada con cámara infrarroja no campo de refuxiados de Calais, onde miles de persoas agardan a poder pasar a Reino Unido a través do Eurotunel. 
PALMARÉS DA 14ª MICE DO MUSEO DO POBO
  Premio do xurado á Mellor Película Etnográfica: Nimble Fingers, de Parsifal Reparato. Mención especial ao documental Curupira, bicho do mato, de Félix Blume. Premio do xurado á Mellor Película Galega: Hora Silenciosa, de Noelia Mª Muíño. Mención honorífica dentro das películas galegas a Stockroom, de Sol Mussa. Premio AGANTRO: Entre lobos, de Adrien Camus.  Premio do público para Mot de passe: Fajara de Patricia Sánchez Mora e Séverine Sajous. 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar