Ourense:Actividades formativas para a saúde e a cultura

O Concello de Ourense organiza a vindeira semana diversas actividades formativas para  fomentar a saúde e a cultura da prevención entre o alumnado da cidade. Trátase dos programas Educación Viaria, Prevención e Seguridade; o proxecto de Saúde Integral SI! e o programa de Prevención da Saúde Bucodental, que contan con milleiros de participantes.

No marco do Programa de Educación Viaria, Prevención e Seguridade, este luns, 1 de abril, a partir das 09:30 horas, haberá unha charla sobre Primeiros Auxilios nas Instalacións do CEIP Prácticas. Será a primeira das 15 sesións formativas previstas para este mes, e contará coa presenza da concelleira de Educación, Belén Iglesias.

Trátase dunha actividade dirixida a alumnado de 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e ciclos Formativos, nas que están a participar 25 centros da cidade e un total de 1.572 alumnos e alumnas.

Este proxecto combina unha parte teórica con outra práctica, na que os asistentes participan na simulación de diferentes situacións de emerxencia, co gallo de que saiban como actuar no caso dunha situación real.

A actividade ofrécelle ao alumnado información sobre os primeiros auxilios que se deben dar no caso dun accidente. Tamén se fai mención aos accidentes no fogar e acheganselles protocolos de actuación nestes casos. Pero tan importante como aprender como reaccionar é que se lles informa sobre o que non deben facer cando viven este tipo de situacións. A parte práctica inclúe técnicas de reanimación cardio pulmonar.

Programa da Fundación SHE

O xoves, 4 de abril, a concellería de Educación dará continuidade ao proxecto de formación en valores e a saúde dos ourensás, especialmente da mocidade, a través do seu respaldo ao Proxecto de Saúde Integral SI! da Fundación SHE, que preside o cardiólogo Valentín Fuster.

A actividade consistirá na visita de ‘Cardio’, a mascota do proxecto, a cada un dos centros participantes, co obxectivo de promover bos hábitos mediante a comunicación e a educación á poboación infantil. Neste proxecto participan un total de 3.981 alumnas e alumnos.

Ademais da visita de ‘Cardio’, este programa tamén conta con obradoiros educativos en torno aos alimentos, saídas escolares, actividades de carácter lúdico e a  exposición dos traballos realizados polo alumnado durante o curso. Ademais, o proxecto contempla a formación do profesorado, así como informar as nais e pais sobre o traballo realizado.

Tamén dentro do programa Educación en Saúde, o venres 5 de abril haberá unha actividade do programa de Promoción da saúde bucodental, cuxo obxectivo é conseguir que os alumnos coñezan a importancia de conservar e manter unha adecuada hixiene oral, ademais de fomentar hábitos que, aplicados desde a infancia, podan evitar enfermidades bucodentais posteriores. Neste programa están a participar un total de 2.828 alumnos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar