Feijóo sitúa ao PPdeG como partido «fiable» para o noso mar

O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o PPdeG é un partido fiable para o sector do mar, a diferenza daqueles que non teñen “experiencia nin proxecto». Desta forma se expresaba nun acto sectorial de pesca celebrado esta mañá en Santiago.

Segundo admitiu, o máis importante é que os populares poden, ano a ano, dar conta do seu traballo e prometer máis avances xa que apostan pola pesca, polo marisqueo, pola mitilicultura, pola transformación e comercialización, pola seguridade no mar, polos portos e pola investigación.

Deste xeito, precisou que fronte aos partidos que non lles importa o mar e “só corren a Bruxelas cando hai problemas”, o PP quere “facer política pesqueira e non política coa pesca” con “datos e datas”, algo para o que é preciso ter aval e argumentos porque “é un asunto serio”. Por todo isto, sinalou que, tendo en conta a inestabilidade que caracteriza á política nacional actual, “nestas eleccións temos que escoller moi ben quen queremos que nos goberne diante dun temporal”.

OS RESULTADOS DO APOIO AO SECTOR PESQUEIRO


Tras apuntar que os populares continuarán traballando porque cada vez haxa máis resultados positivos, sentíndose moi orgullosos de ter apoiado sempre ao sector pesqueiro galego, e moito máis cando os datos reflicten que a cifra de descargas de peixe fresco en 2018 se mantén por riba da media dos últimos dez anos, a de vendas é a terceira mellor desde que hai rexistros e o prezo medio dos produtos nas nosas lonxas no exercicio 2018 é o mellor da serie. “É dicir, máis recursos, máis ingresos”, dixo.

Igualmente, puxo en valor os ingresos ascendentes do marisqueo, marcando máximos en 2018 a cifra das lonxas galegas pola venda de moluscos bivalvos, desenvolvéndose 236 proxectos polas confrarías para recuperar 12,5 m2 de zonas improdutivas, ou reducíndose á metade as zonas C, ademais do aumento da media de ingresos do marisqueo a pé dun 40% desde 2009 a 2017; remarcando nese senso a importancia de ter máis zonas de marisqueo e mellor saneadas.
No tocante á produción acuícola, destacou o seu avance, aumentando un 38% desde 2008 a 2017, lembra que creceu a produción de mexillón un 33% desde 2008 así como que foi o PP o que apoiou aos bateeiros ao poñer primeiro os contadores das concesións das bateas a cero, freando así a pretensión do Bipartito de sacar as concesións das bateas a concurso público de forma inmediata. “Máis seguridade xurídica e máis produción. Esa é a clave para conseguir máis riqueza nas nosas rías e costas e afianzar un sector identificado con Galicia”, incidiu.
O presidente tamén salientou que superamos a barreira dos 2.000 millóns en exportacións de produtos do mar, cualificando como moi positivo que Galicia acumule o 80% das exportacións españolas de preparados e conservas de peixes e mariscos, sexa xa a décima exportadora mundial de produtos da pesca, teña oito empresas entre as 100 primeiras do mundo neste sector, ademais de que o prezo medio por quilo medrase nun 38% desde 2009, impulsando así ese aumento do valor engadido que se demandaba.
Así mesmo, declarou sentirse optimista nos tráficos de mercadorías, que medran en 2018 nun 60% con respecto a 2009, e pódese celebrar que aumenten os tránsitos de náutica recreativa, dispoñamos da primeira Lei de Portos autonómica e se obteñan resultados tras aplicar un investimento de 186 millóns de euros nos portos desde 2009, explicando a importancia de contar con máis infraestruturas e mellor xestión.

RETOS DE FUTURO


Logo de recoñecer que hai grandes retos por diante no Brexit, nos descartes, na competencia internacional, ou na competencia portuaria, remarcou un especialmente o da remuda xeracional, algo no que xa están traballando: formulando peticións á Comisión Europea para que permita a construción de novos buques coa a premisa da mellora da habilitación e a conectividade con terra, intentando o acceso da xuventude ao sector mediante a remoción dos obstáculos, habilitando fórmulas para achegar a formación náutico-pesqueira ao sector pesqueiro, e promovendo a diversificación da economía ligada ao mar.

“A nosa aposta é polo mar de Galicia e de España, sempre o foi”, manifestou Feijóo ao recoñecer que o mar debe estar en todos os ámbitos e na propia sociedade.

O GOBERNO CENTRAL PODE DANAR AO NOSO MAR

A preguntas dos medios de comunicación, o presidente do PPdeG lamentou que o Goberno estea xogando cos intereses lexítimos dunha comunidade cumpridora ao impedir que Galicia poida gastar o seu superávit orzamentario en mellorar a nosa política social. “Eses 125 millóns son dos galegos”, dixo, e engadiu que “non é que non fóramos capaces de gastar ese diñeiro. Non o gastamos porque, de facelo, non teríamos cumpridas ás regras da Administración xeral.

“Deixémonos de discusións e de escusas, escusas e máis escusas”, insistiu, para advertir das palabras da ministra de Facenda: “di que non se pode incrementar gasto de persoal, polo que non nos deixarían gastar en persoal sanitario, en médicos e enfermeiras”. O líder dos populares cre que sería positivo que teñamos un Goberno con ministros e ministras cos que poder falar en serio.

Ademais, amosou a súa preocupación polo cambio de criterio respecto á prórroga de Ence, pero tamén doutras empresas que dacordo coa mesma normativa recibiron prórrogas, como é o caso de algunhas conserveiras ou depuradoras, e que poderían verse afectadas pola viraxe do Goberno central. “Deixemos traballar a Ence, a Alcoa, a Meirama e as conserveiras. Están facendo moito dano a industria galega e aos cidadáns de Galicia”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar