Cubrir rúas



   En Lugo sempre preocuparon as condicións meteorolóxicas á hora de organizar actividades ao aire libre. Por iso en tempos se pensou pasar o San Froilán para o Corpus coidando que en xuño haberá mellores probabilidades de bo tempo que a comezos de outubro, pero o tempo é impredicible e en calquera momento unha choiva en condicións bota a perder calquera actividade.

    Os devanceiros eran moi conscientes da dependencia do bo tempo, e pensando que aos lucenses gustounos sempre pasear pola cidade, inventaron os soportais que permiten os paseos sen sacar o paraugas aínda que chova.

    Pero a economía non entende que para facer uns soportais hai que ceder ao paso público arredor dun trinta por cento da superficie dun baixo, que en principio se entende comercial, o que supón renunciar a importante cantidade de diñeiro, ademáis que deste xeito os escaparates que den aos soportais non teñen o atractivo dos que chegan á primeira liña de rúa.

    E o que en tempos foi solución case perfecta, agora está en decadencia, e soportais quedan na casa do Concello, na zona hosteleira da Praza Maior, Mercado de Quiroga Balleteros, Praza do Ferrol no edificio que sustituiu ao de Barras Eléctricas, na rúa Cregos e na praza do Campo, e agora mesmo non lembro máis.

    E sorprende que o Concello queira peatonalizar e cubrir Quiroga Ballesteros, para que as actividades que alí se organicen gocen de protección, e Lugo se equipare ás capitais europeas que teñen tomado esta precaución para comercio ou das festas.

    Vendo como pode quedar esta cuberta no centro lucense, para o público pode ser moi beneficioso, pero haberá que ver o que pensan os residentes nos pisos máis altos, dunha barreira que non deixará contemplar o que ocorre na rúa aos seus pes.

    Calquera instalación fixa marca carácter e afecta para ben ou para non tan ben aos residentes, e supoño que non será doado  facer unha instalación movible que cando faga falla se peche como un paraugas xigante, e cando salla o sol se abra para poder aproveitar o calor e a luz naturais.

    Todo non pode ser beneficio, así que non cabe máis que agardar pola obra, disfrutar das súas ventaxas e minorar no posible as dificultades. A fin de contas, iso, así, é o progreso.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar